No Día escolar da Paz e a Non Violencia, recordamos no noso
centro educativo que a paz non é soamente a ausencia de guerra. A paz resulta
da xustiza e a participación activa de todos os cidadáns e cidadás.
Nesta xornada que
estamos a conmemorar lembramos que a paz baséase no principio de que todos –sen distinción de raza, ideoloxía,
nacionalidade, lingua ou relixión- somos iguais, cidadáns da mesma terra e en
consecuencia estamos e sentimos a chamada a ser máis humanos, a vivir a non-violencia e a traballar pola paz.
E para expresar ese desexo de paz os nenos e nenas de diferentes cursos en representación de todos, mostraron o noso
compromiso pola paz coa lectura de diversos poemas.
Para finalizar o acto Uxía, de 3º da ESO, en representación
de toda a comunidade educativa leu o
manifesto pola paz do
noso cole.
Rematamos cantando xuntos a canción “Color Esperanza” que
foi interpretada tamén en lingua de signos polas nenas e nenos do cole.
Os alumnos de Segundo de ESO saímos de excursión o luns 15
para visitar Compostela. O programa incluía unha visita ás cubertas da
Catedral, percorrido polo exterior e interior do magnífico edificio e despois
tiñamos unha actividade sorpresa. A visita ás cubertas foi moi espectacular
polas fantásticas vistas da cidade e moi didáctica polas explicacións da nosa
guía que o sabía todo sobre historias de arcebispos e construtores de
catedrais. As 130 escaleiras non nos pareceron tantas e, despois dunha hora de
percorrido, por fin rematou a misa e puidemos visitar o interior. Os rapaces
querían visitar as reliquias que uns pensaban de Santiago e outros de
Prisciliano. Percorremos o interior, sobre todo vendo as capelas da ábsida e a
Capela da Corticela. Con isto e a visita polas fachadas exteriores, rematamos a
parte da Catedral e comeza a actividade sorpresa.
Os rapaces, divididos en grupos aleatorios, tiñan que buscar
diferentes lugares no casco antigo de Compostela. Axudados pola tecnoloxía realizamos
unha busca de lugares. Cunha aplicación de móbil onde, nun plano da cidade, se
marcaban os diferentes puntos que tiñan que atopar e dentro de cada punto
información e pistas sobre o que buscaban, os rapaces partiron cara a aventura.
Tiñan que localizar 7 puntos da cidade e, en cada un, facer un selfi onde
saíran todos os integrantes do grupo. Namentres as profesoras fomos indo dun
punto a outro vendo como os diferentes grupos se apañaban entre o móbil, o
plano e as preguntas que lles ían facendo aos turistas e composteláns.
Fixérono de marabilla e todos eles puxeron moito empeño na
tarefa, de maneira que nos pareceu un xeito divertido de aprender un montón
sobre Compostela e de cooperar en grupo, porque todos os grupos traballaron moi
ben xuntos, e tamén un bo exercicio de orientación sobre o plano. Rematamos cansos
e chegou a hora de xantar. Tiñan diferentes opcións, algúns levaron a comida e
xantaron na Alameda onde tiñan un lugar estupendo; outros optaron polo
equilibrado menú do Burguer King ou unha Pizza. Todos comemos a presa porque o
tempo fíxose pouco e xa tocaba volver a casa . Ás profesoras o resultado
pareceunos moi positivo, os rapaces tiveron un estupendo comportamento,
aprenderon un montón de cousas sobre Compostela e ademais pasaron un día moi
divertido todos xuntos.
Aquí vos deixamos unha reportaxe fotográfica da xornada
Desde o CPI As Mirandas queremos amosar, un ano máis, o noso agradecemento a todo o alumnado, pais, nais e profesores pola participación e colaboración na carreira “Quilómetros de Solidariedade”.
Un ano máis queremos
dar as grazas a todo o alumnado, familias e profesorado pola vosa solidariedade
na Operación Quilo de Nadal, a través da cal repartimos alimentos entre as
institucións de Cáritas e a Cociña
Económica de Ferrol.