sábado, 20 de junio de 2026

Un adeus emotivo: A promoción de 4º de ESO despidese do CPI As Mirandas

Hoxe vivimos un deses días que quedan gravados na nosas mentes. Celebramos a graduación do alumnado de 4º de ESO, unha promoción que hoxe remata a súa andaina polo CPI As Mirandas.

Para moitos deles e delas, este non é un adeus calquera. Foron moitos anos compartindo risas, aprendizaxes e medre persoal, xa que nos acompañan dende os seus inicios en Infantil, pasando por Primaria ata chegar a culminar a ESO. Vímolos medrar, formarse e converterse nas persoas que son hoxe.

O acto de graduación foi, sen dúbida,emotivo. Alumnado, familias, profesorado e amigos reunímonos para despedir a esta promoción. Houbo tempo para os recordos, os agradecementos, algunha que outra bágoa de nostalxia e, sobre todo, moitos sorrisos de orgullo polo camiño percorrido.

Agora comezan unha nova etapa fóra dos nosos muros, un novo horizonte cheo de retos, ilusións e grandes oportunidades.

Dende o CPI As Mirandas queremos desexarvos o mellor de corazón nesta nova viaxe que emprendedes. Non deixedes nunca de loitar polos vosos soños con enerxía e valores.

Lembrade que o colexio que vos viu medrar sempre será a vosa casa e que sempre teredes as portas abertas para regresar, contarnos os vosos éxitos ou, simplemente, lembrar vellos tempos.

Moita sorte a todos e todas!  🎓✨


 


lunes, 1 de junio de 2026

O SENTIDO DA VIDA

1.- Existe Deus?: "Todos fixémonos algunha vez esa pregunta. E quizais non todos teñamos a resposta clara. É probable que en ocasións dubidemos. Si eres dos que se fan preguntas e queres seguir investigando sobre a existencia de Deus, aquí tes un vídeo con algunhas respostas (e moita outras preguntas)

                                                              

2.- Por qué sufrimos? "Si existe Deus e din que é bo e todopoderoso… por qué non impide o mal no mundo?, por qué sufrimos? Encontrámonos ante o problema do mal, nunca completamente resolto. Se queres investigar un pouco máis, se non che vale calquera resposta, con este vídeo podes seguir buscando".

                                                            

2.- Cómo é Deus?: É un tirano? É bondadoso? É un xuiz castigador? Cómo é realmente Deus? Quizais nos alonxamos del  porque temos unha imaxe falsa ou deformada. Se queres averiguar cómo é,  ofrecémosche este vídeo".

                                                          

martes, 26 de mayo de 2026

Tecendo Ideas: O CPI As Mirandas celebra con éxito a súa VIII Feira de Proxectos


O luns 25 de maio, o CPI As Mirandas volveu vestir as súas mellores galas para celebrar a VIII Feira de Proxectos, unha cita que este ano levou por título “Tecendo Ideas”. E nunca mellor dito, xa que a xornada converteuse no escaparate perfecto para amosar o gran tapiz de coñecementos que o alumnado e o profesorado foron tecendo, fío a fío, ao longo de todo o curso escolar.

Unha viaxe interdisciplinar e sen barreiras

A gran virtude da feira deste ano foi a interdisciplinariedade. Lonxe de entender as materias como compartimentos estancos, os proxectos presentáronse conectados por un fío condutor que unía os saberes igual que se fose a vida mesma.

Quen visitou a feira puido viaxar no tempo, no espazo e na nosa propia identidade a través dos diferentes stands:

  • Viaxes no tempo: Desde a maxia da Prehistoria e os misterios da Idade Media, ata a grandiosidade do Imperio Romano.
  • As nosas raíces e tradicións: Unha parada moi especial foi a protagonizada polo alumnado de 3º ciclo de Primaria, cun proxecto dedicado ás festas máis populares e emblemáticas da vila de Ares. A través do seu traballo puido gozarse da cor e historia do Ares Indiano, a maxia e arte das Alfombras Florais, e a tradición mariñeira coa Festa da Cabría en Redes.
  • Futuro e Innovación: As novas tecnoloxías tiveron un papel protagonista grazas ao fabuloso traballo desenvolvido polo equipo de Polos Creativos.
  • Máis alá das nubes: Unha viaxe fascinante cara ao espazo e o universo que nos circunda.
  • Reciclaxe na aula de música: O alumnado de Música da ESO demostrou que a arte non ten límites ao construír instrumentos con materiais de refugallo. Ver a ledicia dos máis pequenos do cole mentres os tocaban foi, sen dúbida, o mellor premio a este gran traballo en equipo. 

"Unha auténtica explosión de saberes conectados, onde a teoría se transformou en práctica e a aprendizaxe en pura experiencia."

O motor do éxito: Toda a comunidade unida

O éxito desta oitava edición non tería sido posible sen a implicación absoluta de toda a comunidade educativa e do tecido social do noso concello. Desde o centro queremos transmitir o noso máis sincero parabén e agradecemento a:

  • O profesorado de Infantil, Primaria e Secundaria, pola súa guía e motivación.
  • Os nenos, nenas e rapazada de todas as idades, que foron os verdadeiros protagonistas e demostraron un entusiasmo e un nivel de implicación destacables.
  • As familias, que un ano máis nos acompañaron e animaron.

Ritmo, emoción, deporte e compromiso social

A feira tamén reservou un espazo moi especial para a saúde, a solidariedade e o deporte. Por unha banda, queremos facer unha mención de gratitude moi especial ao Club de Remo de Ares, por estar presente ano tras ano nesta cita, axudándonos a tecer o deporte como un fío de vida fundamental para o noso alumnado.

Por outra banda, o agradecemento esténdese a Bárbara e Nando, os profes de Educación Física que, ano tras ano, preparan con tanto agarimo o baile do colexio. Nesta ocasión, os nenos e nenas abraiaron a todos cunha coreografía preciosa que agochaba un lema solidario moi importante: “DOA SANGUE”.

Moitas grazas a todos e a todas por facer posible este día tan especial e por compartir connosco o orgullo de ver medrar as nosas ideas.

Para que poidades revivir os mellores momentos da xornada ou ver un anaquiño de todo o que alí se viviu, deixámosvos a continuación uns vídeos cunha pequena mostra do que deu de si esta VIII Feira de Proxectos. 


BAILE

jueves, 30 de abril de 2026

🏃‍♀️ XVI CARREIRA QUILÓMETROS DE SOLIDARIEDADE: UN PASO MÁIS CARA A UN MUNDO MELLOR

 

Un ano máis, o noso compromiso coa infancia e cos valores humanos volveu tinguir de solidariedade as rúas de Ares. Como Centro Embaixador de Save The Children, celebramos con orgullo a XVI edición da Carreira Quilómetros de Solidariedade, unha cita xa imprescindible no noso calendario escolar.

Nesta xornada, as zapatillas deportivas e as ganas de axudar foron as verdadeiras protagonistas. O deporte serviu de ponte para conectar ao noso alumnado coa realidade de moitos nenos e nenas que precisan do noso apoio.

📍 Dous percorridos, un mesmo obxectivo

A organización dividiuse para que todos e todas puidesen participar adaptándose ás súas idades:

  •  Primaria/Infantil: Os máis pequenos e pequenas encheron de enerxía o Parque Rosalía de Castro, onde correron rodeados de natureza e ilusión.
  • ESO: O alumnado de secundaria realizou unha etapa máis extensa que partiu desde o colexio, percorrendo o paseo marítimo e diversas rúas da nosa vila.

❤️ Grazas de corazón

O éxito desta iniciativa non sería posible sen o esforzo colectivo. Queremos estender un agradecemento moi especial a:

  1. Alumnado e Profesorado: Pola vosa entrega, participación e por demostrar que cada quilómetro conta.
  2. Familias: Grazas por patrocinar a carreira coas vosas xenerosas doazóns.
  3. Institucións: Ao Concello de Ares, á Policía Local e a Protección Civil, pola súa colaboración loxística e por velar pola seguridade de todos os participantes en todo momento.

"Esta carreira é moito máis que un evento deportivo; é unha mostra do noso compromiso coas causas solidarias e unha oportunidade única para ensinar ao noso alumnado o valor de axudar aos demais."

Grazas por facer posible que, xuntos, traballemos por un mundo máis xusto e solidario.

Vémonos na próxima edición!


 

viernes, 6 de marzo de 2026

CONMEMORANDO O 8M NO NOSO COLEXIO

 

No marco da conmemoración do Día Internacional da Muller, o noso colexio levou a cabo unha significativa actividade que involucrou a todo o alumnado na creación de muráis colaborativos e unha exposición de libros, co obxectivo de visibilizar e honrar a mulleres e colectivos femininos que deixaron unha pegada indeleble na historia e na sociedade.

"Tecendo ideas": Unha viaxe de investigación e descubrimento

A actividade central consistiu nunha labor de investigación por parte de cada grupo-clase. O alumnado tivo a tarefa de seleccionar unha muller ou un colectivo de mulleres relevante, afondando na súa vida, logros e contribucións. Para garantir unha estética unificada e facilitar a recollida de información, facilitouse unha ficha-modelo que os grupos cubriron cos seguintes apartados:

1      Nome: Da muller ou do colectivo escollido.

2     O seu "fío" principal: O seu gran logro ou a súa maior aportación á sociedade (aquilo que a define).

3     A súa historia: Unha breve explicación da súa vida ou legado.

4     Imaxe: Fotografía ou ilustración representativa.

Esta iniciativa non só fomentou a investigación e o coñecemento sobre figuras femininas inspiradoras, senón que reforzou a importancia de desentrañar as historias e os legados que nos preceden.

 










As nosas mulleres importantes: A achega de Educación Infantil

As máis pequenas e pequenos do noso centro, o alumnado de Educación Infantil, tamén quixeron sumarse a esta conmemoración do 8M dun xeito moi especial e persoal. A través de debuxos cheos de cor e espontaneidade, renderon homenaxe ás mulleres máis importantes nas súas vidas: nais, irmás, tías e mesmo as súas propias mestras foron as protagonistas destas creacións que reflicten o amor e a admiración que senten por elas. Estes debuxos, que adornan os nosos corredores, son un fermoso recordatorio da importancia das figuras femininas no día a día dos nosos nenos e nenas.



Unha exposición que invita á lectura

Complementando a actividade do mural, organizouse unha exposición de libros. Esta mostra, ofreceu ao alumnado e á comunidade educativa unha oportunidade para explorar obras que abordan a temática do 8M, profundar no feminismo, e descubrir novas perspectivas sobre o papel da muller na sociedade.

Desde o colexio, queremos agradecer a implicación e o entusiasmo de todo o alumnado e do profesorado nesta iniciativa, que sen dúbida contribuíu a unha conmemoración do 8M chea de significado, aprendizaxe e inspiración.