jueves, 6 de febrero de 2020

CONMEMORACIÓN DO DÍA ESCOLAR DA PAZ NO CPI AS MIRANDAS

Hoxe no Día escolar da Paz e a Non Violencia, recordamos no noso centro educativo que a paz non é soamente a ausencia de guerra. A paz resulta da xustiza e a participación activa de todos os cidadáns e cidadás.
Nesta  xornada que estamos a conmemorar, lembramos que a paz baséase no principio de que todos  –sen distinción de raza, ideoloxía, nacionalidade, lingua ou relixión- somos iguais, cidadáns da mesma terra e en consecuencia estamos e sentimos a chamada a ser máis humanos, a vivir  a non-violencia e a traballar pola paz e por un mundo máis xusto e sostible.
E para expresar ese desexo de paz  os alumnos e alumnas dos diferentes cursos de ESO e primaria mostraron o noso compromiso pola paz coa lectura de textos alusivos á mesma.
Tamén  todos os nenos e nenas de infantil e primaria dirixidos magnificamente pola súa profe de música, Olalla, realizaron distintas coreografías de danzas do mundo.
Para rematar o acto todo o alumando e profesorado do centro cantamos e bailamos a canción “Bajo el Mismo Sol” de Álvaro Soler, signada polos nenos e nenas de 6º de primaria coa inestimable axuda de Alba a nosa intérprete de lingua de signos.

Aquí vos deixamos a reportaxe da xornada.





Danzas do mundo





AGRADECEMENTO DE "SAVE THE CHILDREN" A TODA A COMUNIDADE EDUCATIVA




CPI AS MIRANDAS. CENTRO EMBAIXADOR DE SAVE THE CHILDREN. CARREIRA QUILÓMETROS DE SOLIDARIEDADE


Este xoves, 19 de decembro, tivo lugar a IX Carreira Quilómetros de Solidariedade que, como todos sabedes, realizamos en colaboración coa ONG Save The Children. Resultou un día estupendo no que todo o alumnado do centro gozou dunha lúdica e deportiva xornada. Ata o tempo deunos unha tregua  para que o alumnado da ESO puidese saír pola nosa vila.
Pero este ano, a nosa carreira solidaria tivo un matiz especial e nos sentimos enormemente contentos xa que recibimos de mans de Ana, a delegada de Save the Children (que vixou expresamente dende Madrid), o recoñecemento de Centro Embaixador  Save the Children polo noso compromiso e labor a prol da solidariedade cos nenos e nenas máis desfavorecidos. Nun acto no que estiveron presentes ademais da representante de Save the children, o inspector de educación Rubén Ponte, a concelleira de educación Noelia Montero e a atleta Paula Mayobre, recibimos a placa que nos nomea como centro Embaixador.

Queremos agradecer:

·   A toda a comunidade educativa: alumnado, país e nais, familias en xeral, e profesorado a vosa solidariedade e colaboración. Sodes estupendos!
·   Á nosa atleta e madriña de oficio Paula Mayobre por colaborar con nós durante estes 9 anos... e esperamos que moitos máis.
·     Ao Concello de Ares, policía local e protección civil pola súa inestimable axuda no desenvolvemento da carreira.
·     A Supermercados GADIS pola doación de auga, caramelos, globos, pulseiras...e o empréstito do arco de Meta.
·     A Froitería Bacelo y López que nos aporta a froita como reconstituínte.
·     A trofeos MARVI pola doación dos trofeos para os rapaces e rapazas.
·     A  Luís de Floristería Real que sempre pon ese toque de cor cos seus ramos de flores

En nome do CPI As Mirandas grazas a tod@s.

Este recoñecemento é posible grazas a vós


Nos seguintes vídeos podedes ver o resumo da xornada.

CARREIRA ESO



CARREIRA INFANTIL



CARREIRA PRIMARIA



Acto de recoñecemento como Centro Embaixador de Save the Children



Os selfies do noso profe Carlos

IX CARREIRA QUILÓMETROS DE SOLIDARIEDADE EN COLABORACIÓN COA ONG SAVE THE CHILDREN




Un ano máis, e xa van nove, o noso centro organiza a Carreira Quilómetros de Solidariedade para colaborar coa ONG “Save the Children”, que este ano vai dedicada ás nenas/os do pobo Rohingya, pequenos/as que teñen nome e unha horrible historia ás súas costas. 

Este é un proxecto educativo, deportivo e solidario multidisciplinar no que se traballan valores con materiais e apoio didáctico facilitado pola ONG “Save the Children” quen traballa para salvagardar os dereitos da infancia no mundo e que cada ano se centra nun país en concreto. 

 Por outra banda comprácenos comunicar que a ONG Save the Children recoñece cada curso o labor e o compromiso destacado dos centros e comunidades educativas que participan de forma activa e continuada en campañas e iniciativas solidarias e por iso, o día da carreira, representantes da ONG achegaranse ata o noso centro para facernos entrega dunha placa que nos acredita e nomea como Centro Embaixador de Save The Children. 

Dicir que esta distinción non sería posible sen a colaboración e solidariedade de toda a comunidade educativa: alumnado, familias, profesorado e colaboradores. Así que grazas a todos/as. 

Como en anos anteriores, nesta actividade, o alumnado aboará 1 € por inscribirse na carreira e recibirá un dorsal, un carné de corredor e un diploma acreditativo de participación. Pola súa banda, o que “voluntariamente” queira buscar patrocinadores entre os seus familiares ou achegados, poderá facelo recollendo as súas aportacións a través do carné de corredor. 

Un ano mais, a atleta aresán Paula Mayobre estará connosco e apoiará esta causa coa súa presenza, participando na xornada con todos os rapaces e rapazas do noso centro.

 O alumnado de infantil e primaria realizarán a carreira ás 11:15 horas no pabellón do colexio e o alumnado da ESO comezará a carreira saíndo do colexio as 12:00 horas e percorrerá o paseo marítimo.

 Agradecemos a toda a comunidade educativa a súa participación e solidariedade e invitamos a todos os pais e nais a que veñan a apoiar aos nosos corredores solidarios.

 CPI As Mirandas: construíndo un mundo mellor

3 DECEMBRO. DÍA INTERNACIONAL DA DIVERSIDADE FUNCIONAL. POÑÉNDONOS NO SEU LUGAR


O día 3 de decembro, celébrase o Día Internacional da concienciación da Diversidade Funcional, un día para reivindicar e esixir o respecto dos dereitos das persoas con diversidade funcional, empezando polo dereito a unha inclusión social plena e a práctica dunha vida independente. No noso centro o celebramos poñéndonos no seu lugar e realizaremos durante toda a semana diversos obradoiros:

 • Obradoiro de pintura sen mans
 • Obradoiro de LSD (Lingua de signos)
 • Xincana en cadeira de rodas
 • Baloncesto dende outra perspectiva






Murais do obdradoiro de pintura sen mans




ACTOS NO DÍA INTERNACIONAL CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO NO CPI AS MIRANDAS


Hoxe, 25 de novembro, no CPI As Mirandas, lembramos o Día Internacional da Eliminación da Violencia de Xénero cunha actividade en colaboración con CIM do Concello de Ares. 
As 13:00 horas o director do CIM e a directora do centro tomaron a palabra para condenar esta lacra e recordar que debemos seguir insistindo en campañas de prevención, informando e previndo desde todos os ámbitos da sociedade: desde a familia, cunha educación en igualdade, desde os colexios, cunha coeducación real, desde o traballo e desde os poderes políticos. 
A nosa profe de inglés, Amparo, realizou a tradución simultánea do manifesto xa que neste acto acompañáronnos os alumnos/as e profesores do intercambio Erasmus +.
Trala lectura dos manifestos soltáronse varios globos cargados de mensaxes realizadas por todo o alumnado do centro (E.I, E.P, ESO). Mensaxes que voarán cheos de esperanza concretados en desexos do alumnado do CPI As Mirandas.


Xa pola tarde tivo lugar unha charla para o alumnado de 4º curso de ESO sobre a violencia sexual impartida por Angélica Mercado Torres  especialista universitaria en estudos de xénero e políticas de igualdade a través da Secretaría Xeral de Igualdade.
Mañá martes 26 de novembro, o alumnado de 5º e 6º de infantil asistirán á  sesión de contacontos “As cores” coa temática da Igualdade e impartido pola artista local Lidia Pena.


Os nenos e profes de infantil tamén conmemoraron esta data cun mural realizado por eles.