jueves, 6 de febrero de 2020

IX CARREIRA QUILÓMETROS DE SOLIDARIEDADE EN COLABORACIÓN COA ONG SAVE THE CHILDREN




Un ano máis, e xa van nove, o noso centro organiza a Carreira Quilómetros de Solidariedade para colaborar coa ONG “Save the Children”, que este ano vai dedicada ás nenas/os do pobo Rohingya, pequenos/as que teñen nome e unha horrible historia ás súas costas. 

Este é un proxecto educativo, deportivo e solidario multidisciplinar no que se traballan valores con materiais e apoio didáctico facilitado pola ONG “Save the Children” quen traballa para salvagardar os dereitos da infancia no mundo e que cada ano se centra nun país en concreto. 

 Por outra banda comprácenos comunicar que a ONG Save the Children recoñece cada curso o labor e o compromiso destacado dos centros e comunidades educativas que participan de forma activa e continuada en campañas e iniciativas solidarias e por iso, o día da carreira, representantes da ONG achegaranse ata o noso centro para facernos entrega dunha placa que nos acredita e nomea como Centro Embaixador de Save The Children. 

Dicir que esta distinción non sería posible sen a colaboración e solidariedade de toda a comunidade educativa: alumnado, familias, profesorado e colaboradores. Así que grazas a todos/as. 

Como en anos anteriores, nesta actividade, o alumnado aboará 1 € por inscribirse na carreira e recibirá un dorsal, un carné de corredor e un diploma acreditativo de participación. Pola súa banda, o que “voluntariamente” queira buscar patrocinadores entre os seus familiares ou achegados, poderá facelo recollendo as súas aportacións a través do carné de corredor. 

Un ano mais, a atleta aresán Paula Mayobre estará connosco e apoiará esta causa coa súa presenza, participando na xornada con todos os rapaces e rapazas do noso centro.

 O alumnado de infantil e primaria realizarán a carreira ás 11:15 horas no pabellón do colexio e o alumnado da ESO comezará a carreira saíndo do colexio as 12:00 horas e percorrerá o paseo marítimo.

 Agradecemos a toda a comunidade educativa a súa participación e solidariedade e invitamos a todos os pais e nais a que veñan a apoiar aos nosos corredores solidarios.

 CPI As Mirandas: construíndo un mundo mellor

No hay comentarios: