lunes, 27 de abril de 2020

NON CONFINEMOS TAMÉN A REFLEXIÓN INTERIOR!

É certo que ningún de nós elixiu pasarse  estes máis de 50 días que levamos xa...CONFINADOS!. PERO, de feito, estámolo. E aínda nos queda un longo período de tempo no que, aos poucos, pero lentamente, iremos tentando recuperar a nosa vida.
SEGURO que sen ter que preguntarvos, vístedes unha chea de series, xogastes a unha morea de xogos, vos comunicáchedes por distintos medios dixitais... e seguro que tamén vistes algún que outro vídeo ou anuncio publicitario nesta etapa de crise. Publicidade e vídeos que  tamén transmiten  mensaxes. 
Por iso  a actividade que vos pido é que vos fixedes nalgún anuncio publicitario (pode ser tamén un vídeo musical) que, como este exemplo que vos poño,intente transmitir valores, ideas,  consellos...cos que estamos dacordo.
Logo  de elixido tedes que abrir un documento e pegar a ligazón do vídeo ou anuncio e embaixo  escribir unha reflexión sobre que valores transmite, o que che fixo reflexionar, o que nos quere transmitir ou te transmite a ti.  Pídovos que sexades reflexivos!




Por que elixín este vídeo?. Porque creo que nos fai reflexionar sobre cal é o significado da situación actual, que cambio  nos esixe a vida  e que debemos aprender diso.
Esta situación forzounos a deixar de preguntarnos que necesitamos do mundo e empezar a reflexionar acerca de que necesita o mundo e o noso próximo de nós.
Parece que a natureza está a descansar de nós, está a vivir a súa particular corentena da contaminación, a sobreexplotación e a falta de respecto á que a temos sometida. É o momento de comprender realmente que os nosos actos repercuten en todos e que o cambio comeza no interior de cada ser humano. Unha crise global iguala a todos os seres humanos, máis aló da súa raza, a súa ideoloxía, a súa relixión,  a súa situación ou a súa condición.
As persoas que queren volver a casa e non poden, quizais comprendan un pouco mellor aos refuxiados, aqueles que sofren o peche, quizais comprendan mellor aos confinados, quen bota de menos aos seus iguais, quizais comprendan mellor aos esquecidos…
Esta circunstancia fainos ver que non hai seres especiais, todos somos parte do mesmo mundo que se nos regalou e debemos colaborar como sociedade para poder mantelo san e a salvo.  Non se trata de protexernos ou quedarnos na casa só por salvar a nosa vida, senón tamén protexer ás persoas mais vulnerables da nosa sociedade. Anciáns, persoas con patoloxías crónicas, persoas sen recursos, sen sanidade ou sen fogar.
A vida fálanos, e non espera palabras nin promesas como resposta, espera comportamentos e accións froito dun cambio de conciencia. Non podemos permitir que nin o medo nin a incerteza nos oculten a posibilidade de transcendencia e cambio que temos ante nós.
 Por iso como conclusión podemos dicir que EN NÓS ESTÁ O CAMBIO PARA CONSEGUIR UNHA SOCIEDADE MÁIS SOLIDARIA, MÁIS HUMANA, MÁIS ECOLÓXICA  E MÁIS FRATERNAL.


Jéssica Criado de 4º ESO  faimos unha reflexión sobre o anuncio titulado "Somos un gran país" 



A canción comeza cunha pregunta, onde nos levou a imaxinación?

A imaxinación pódenos levar todo o lonxe que esteamos dispostos a ir, só é preciso pechar os ollos.
Se hai un motivo polo que a música é unha das miñas maiores paixóns, é sen dúbida polas sensacións que esperta en min. Tristeza, alegría,  melancolía,  esperanza... ás veces unha ou outra segundo o momento, ou ás veces todas xuntas. Todos revivimos sensacións xa esquecidas ao escoitar unha determinada canción, no meu caso, cada vez que escoite esta canción, traerame seguramente o recordo destes momentos que estamos a vivir.

Cada persoa ten o seu sitio de recreo propio, no meu caso atópase á beira da miña familia. “Son sus manos en mi pelo” simbolizan as mans dos meus pais acariñándome e transmitíndome paz. Neses momentos todo o malo esquécese e os problemas desaparecen, anímame a seguir adiante e a ter forza.

“Silencio, brisa y cordura dan aliento a mi locura”, os consellos e advertencias impídennos realizar parvadas. Cordura é precisamente o que debemos ter ante esta situación que estamos a vivir para non deixar atrás un  regueiro de mortes, para non ter que arrepentirnos e para sentírmonos parte da solución e non do problema.

O sitio do meu recreo, é ese lugar, que existe dentro de cada un de nós, un lugar persoal, onde só existe aquilo que nós desexamos que exista e onde só están aqueles que nós queremos que estean. Ese lugar real ou imaxinario onde a nosa cabeza vai cando quere escapar e que me axuda  afastar os meus medos.

Imaxinemos todos eses lugares que desexamos visitar para poder chegar a facelo realidade cando todo isto remate, pero mentres tanto permanezamos nese lugar seguro para nós e para todos.

                                               Jéssica Criado


María Veiga  de 4º ESO  fainos unha reflexión sobre o vídeo elixido titulado " Cando pase todo esto" 




Elixín este vídeo porque creo que fainos reflexionar sobre as pequenas cousas cotiás, que son as realmente importantes.
No día a día, da a sensación de que non temos tempo para nada, que sempre andamos con présas. Sempre estamos a planear cousas e a pensar en futuro, xa pode ser no que imos facer o venres, o próximo verán, onde imos facer o curso que ven, que imos estudar na universidade…Ata que un  día todo parou, os planes tiveron que cancelarse ou pospoñerse, as rúas quedaron baleiras, e a xente quedou na casa.
Sempre hai que pensar en positivo, e sacar o lado bo das cousas, por difícil que pareza. Como ben dicimos os galegos: Nunca choveu que non escampara. E nestes momentos, é cando comezamos a valorar o que de verdade importa: un simple bico ou abrazo, un paseo pola praia, tomar algo nun bar unha noite de sábado cos amigos...Os verdadeiros praceres da vida. É moi egoísta que só valoremos as cousas cando as botamos en falta.
Levamos mes e medio vivindo de recordos, escoitando a voz de amigos e familiares a través do teléfono, e quedando na casa polo ben de todos.
No anuncio vese moi ben que o que necesitamos non son cousas materiais, porque iso non nos vai dar a felicidade.

De todo isto imos saír, iso está claro, pero tamén temos que aprender. Eu, persoalmente, creo que o estou facendo.

   María Veiga

Irune  Fornos de 4º ESO escolleu este vídeo e fainos unha pequena reflexión sobre él.



Non elixín un anuncio, elixín esta canción de Vanesa Martín. Escollina porque representa esta situación e polo que estamos a pasar todos. Dános esperanzas para que todo saia adiante e paréceme moi bonito a mensaxe que quere transmitir. Dános a oportunidade de aprender sobre está crise e preguntarnos que necesita o mundo de nós e que podemos facer para melloralo, porque isto depende de nós e das nosas accións. No vídeo tamén se pode ver o agradecemento cara aos médicos e autoridades que fan que isto sexa máis fácil do que realmente é. 
Esta canción fai que sintas profundamente a situación, por iso chamoume a atención. Só con escoitala comprendes todo isto.

                                                                                                                           Irune Fornos


Valentina Rivera coméntanos o vídeo  "Estudiantes e frustración"



      Puiden reflexionar con este vídeo e máis que todo, sentirme identificada con el, xa que expresa todos os sentimentos que están a sufrir a maioría de estudantes, e non só falo polos do noso curso, senón máis ben os que están máis afectados que nós como os de bacharelato ou universidade. Este vídeo fixo darme conta da pouca conciencia que existe e do pouco que nos preocupamos polos outros. Non sabemos apreciar e poñernos no lugar das outras persoas. Realmente moi poucas persoas preocúpanse polo que o outro estea a pasar ou a sentir. Na sociedade de hoxe en día parece que só importas ti e só ti.
      A corentena e este vídeo, fixéronme reflexionar que non só pense en min ou nos meus amigos, senón no resto de persoas  que quizais poden estar nunha situación peor ca miña.
                                                                                                         
                          Valentina Rivera

Carolina Espiño propónnos o vídeo Prisión Esperanza de Manuel Carrasco



“Prisión Esperanza” é unha canción creada desde o confinamento nos primeiros días de abril. Todos os dereitos xerados irán destinados á Fundación de Bancos de Alimentos de España. Paréceme unha  canción preciosa que  soa en moitos balcóns nesta etapa tan  difícil para todos. A súa letra faiche reflexionar e darte de conta de moitas cousas tales como que, se non estamos todos xuntos e unidos  nunca lograremos nada. Transmítenos tamén que imos saír disto, pero todos xuntos.

Carolina Espiño

miércoles, 15 de abril de 2020

MENSAXES DE ESPERANZA NESTA TERCEIRA SEMANA DE "CORENTENA"


Moi boas rapazas e rapaces!!!
Empeza a nosa terceira semana de "confinamento" 
na que seguramente teremos unha chea de tempo
para pensar no QUE DE VERDADE IMPORTA.

É BO ACORDARSE, nestas circunstancias, DE TANTAS PERSOAS NO MUNDO QUE SE CAMBIARÍAN SEN DUBIDALO POR NÓS, porque a súa realidade, alí, é infinitamente moito máis DURA que a nosa, por duro que nos pareza non poder saír nun mes para facer "vida normal".

Estou segura de que ademais de todas as actividades que vos estamos mandando os  profes e das moitas mensaxes que vos están chegando ao voso móbil, esta situación tamén está a remover sentimentos no voso corazón.

TRABALLO QUE CHE PIDO: así como os nosos balcóns, xanelas, paredes... énchense de mensaxes positivas, de ánimo, de agradecemento, QUERO QUE TAMÉN FAGADES UN CARTEL (pode ser nun folio), a man, que ten moito máis mérito e é máis persoal, onde expresedes algún deses SENTIMENTOS, PENSAMENTOS, DÚBIDAS, TEMORES, MEDOS, que vos viñeron á cabeza e ao corazón estes días.
SACÁDESLLE UNHA FOTO (pero ben!: encadrada,nítida, etc...) e mandádesma á dirección de correo electrónico:  yolick@cpiares.com ou yolick2000@gmail.com.
ASÍ PODEREI FACER un pequeno vídeo que nos enlace a todos os alumnos da nosa MATERIA e, por que non, ao resto do cole.
Non esquezades poñer o voso NOME e CURSO nunha esquina do folio.