miércoles, 10 de diciembre de 2025

O SENTIDO DO NADAL, O CONSUMISMO, E O VALOR DAS PERSOAS FRONTE ÁS COUSAS MATERIAIS.

Achégase o Nadal, e con el a tradición dos agasallos, as ceas familiares e os anuncios comerciais. Esta actividade convídate a facer unha pausa e reflexionar sobre o que realmente celebramos e o que de verdade importa. Imos ver un experimento social que fixo pensar a un grupo de mozos e mozas sobre a súa prioridades nesta época do ano.

Instrucións: Mira o vídeo atentamente, prestando especial atención ás tres preguntas que lles fan aos participantes:

1.      A quen lle farías un agasallo?

2.      Que agasallo material lle comprarías?

3.      Que lle regalarías se soubeses que é a última vez que o/a vas ver?

                                                             

Unha vez que vexas o vídeo, responde ás seguintes preguntas. Xustifica sempre as túas respostas facendo referencia ao que observaches no experimento.

A. Sobre o Consumismo e os Agasallos:

1.      Cales foron algúns dos primeiros agasallos materiais que mencionaron os mozos e mozas.

2.      Unha participante di que "creo que poñemos o corazón no que nos din que temos que poñelo". Cres que a sociedade ou a publicidade nos "di" onde debemos poñer o noso corazón no Nadal?

B. Sobre o Valor das Persoas e o Tempo:

3.      Como cambiaron radicalmente os agasallos cando se lles propuxo a condición de "ser a última vez"? Cal foi a diferenza entre os agasallos caros e materiais (coches, drons, móbiles) e os agasallos non materiais (tempo, presenza, palabras)?

4.      Arredor do minuto [06:43], defínese cal é o "mellor agasallo" de todos. Cal é e por que se considera "exclusivo" e "único"?

C. Sobre o Sentido do Nadal:

5.      Que cres que nos quere ensinar este experimento sobre o verdadeiro sentido do Nadal?

6.      Que responderías ti á última pregunta?

7.      Fai un decálogo de cousas importantes na túa vida comezando polas máis importantes.

OPERACIÓN QUILO DE NADAL: EDUCAR NA SOLIDARIEDADE E NO COMPROMISO SOCIAL

Estimadas familias:

No CPI As Mirandas entendemos que a educación vai moito máis alá das aulas e os libros; educar tamén significa formar cidadáns conscientes, empáticos e comprometidos coa súa contorna. Por iso, un ano máis, convidámosvos a participar na nosa Operación Quilo de Nadal.

Máis que unha axuda, un acto de solidariedade: Vivimos unha época na que diversas institucións seguen a demandar a colaboración de toda a sociedade para axudar ás persoas máis necesitadas.

 Esta campaña é unha ocasión marabillosa para aportar o noso "gran de area", pero tamén para reflexionar. A verdadeira solidariedade non consiste só en dar, senón en compartir e comprender a realidade de quen nos rodea. A vosa participación voluntaria é o mellor exemplo para eles de que, con pequenos xestos individuais, podemos construír unha comunidade máis humana.

Como colaborar?

·         Que aportar: Calquera alimento non perecedoiro.

·         Lugar de entrega: As caixas habilitadas no edificio de secundaria.

·         Data límite: A recollida rematará o 15 de decembro.

Agradecemos profundamente o voso compromiso. A vosa colaboración non só serve para encher caixas de alimentos, senón tamén para encher de valores o proceso educativo do noso alumnado.

Grazas pola vosa xenerosidade e colaboración.

CPI AS MIRANDAS (ARES)

O CPI AS MIRANDAS DI NON Á VIOLENCIA DE XÉNERO NO 25N


Hoxe 25 de novembro, o CPI As Mirandas converteuse nun espazo de compromiso e solidariedade para conmemorar o Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra a Muller. Foi unha xornada de profunda implicación comunitaria, na que o alumnado, profesorado e todo o persoal do centro unímonos nunha soa voz para rexeitar esta lacra social.

👉Un Muro de Compromiso Violeta

O corazón da actividade foi a creación dun mural colectivo. A partir de mans de papel de cor violeta, cada estudante do centro contribuíu co seu gran de area. Nestas mans, plasmáronse palabras clave como Respecto, Igualdade, Apoio, Liberdade, Empatía, Non, ou un desexo/compromiso persoal breve para pór fin á violencia de xénero.

Este mural non é só unha obra de arte efémera, senón un testemuño tanxible do compromiso da mocidade de As Mirandas. Representa a unión de vontades e a firmeza da comunidade educativa na construción dun futuro libre de violencia.

👉Voces que Inspiran

O acto central contou coa participación de Sofía e Manu (3º ESO), quen se encargaron de ler un manifesto que articulou os principios da xornada, lembrando ás vítimas e reafirmando a necesidade dun cambio social profundo. A súa lectura, emotiva e firme, subliñou a importancia de manterse vixiantes e activos na defensa dos dereitos das mulleres.

O evento concluíu coa interpretación da canción "Concordias de papel" da cantautora galega SES. Esta elección non foi casual; Aila, alumna de 2º ESO, subliñou que esta é unha canción que resoa coa forza da resistencia e a autenticidade, un chamado á acción e á verdade, rexeitando as solucións fáciles e as imposicións autoritarias. Un recordatorio de que a loita contra a violencia require valentía e un compromiso inquebrantable coa xustiza.



 👉O Camiño pasa pola Educación

A xornada do 25N no CPI As Mirandas non é só un recordatorio dun problema, senón unha firme declaración de intencións: o compromiso coa igualdade e a erradicación da violencia de xénero é un piar fundamental da nosa comunidade educativa.

Este día subliña a necesidade crucial da educación como a única ferramenta efectiva e duradeira para acabar con esta lacra. É nas aulas e na familia onde se sementan os valores de respecto, empatía e igualdade, e onde se desarraigan os estereotipos e roles de xénero que están na base de toda violencia. Construír un futuro sen violencia non é unha utopía, senón un traballo diario que comeza coa concienciación e o empoderamento das xeracións futuras.

Grazas a todo o CPI As Mirandas por demostrar, un ano máis, que o cambio é posible e que a loita contra a violencia de xénero require o compromiso de toda a sociedade. Sigamos camiñando xuntos cara a unha igualdade real e efectiva.








domingo, 23 de noviembre de 2025

OS DEREITOS DA INFANCIA, CONTADOS E CANTADOS NO COLE

 



OS DEREITOS DA INFANCIA, CONTADOS E CANTADOS NO COLE

O  20 de novembro, o noso centro encheuse de maxia e colaboración para celebrar o Día Internacional dos Dereitos da Infancia. Os rapaces e rapazas de 1º  B da ESO da materia de Reli,  foron os protagonistas dunha iniciativa marabillosa, deseñada para concienciar aos máis pequenos de Primaria sobre a importancia dos seus dereitos. O obxectivo era claro: facer que esta data tan significativa fose divertida, participativa e, sobre todo, memorable.

A REBELIÓN DE CONTOS

A actividade central xirou arredor do conto "Lola e a rebelión dos contos". A través desta historia, a pequena Lola descobre que personaxes clásicos como Cincenta, Carapuchiña ou Hansel e Gretel están "cansos de sufrir sempre nas súas historias" e decidiron rebelarse. Os personaxes esixían os mesmos dereitos que as nenas e nenos reais:

  • Unha vivenda digna, como pedían os Tres Porquiños.
  • Educación e familia que os coide, como soñaban Hansel e Gretel.
  • Igualdade e aceptación, como desexaba Pulgarciña.
  • E, sobre todo, vivir sen medo e en liberdade, como pedía Carapuchiña Vermella.

A narración serviu para reflexionar sobre como os contos axudan a entender mellor os Dereitos da Infancia, como o dereito á igualdade, á educación, á protección, á saúde ou ao xogo e a paz.

Música, Baile e Pasapalabra: Unha Lección de Dereitos

Un dos momentos máis emocionantes da xornada foi a presentación da canción dos dereitos que crearon para a ocasión. Cantaron e bailaron con entusiasmo, transmitindo unha mensaxe poderosa: "Os dereitos da infancia non se escriben na area, porque os leva o vento cando sobe a marea..."

Esta melodía, chea de ritmo e significado, conseguiu que a mensaxe calase nos corazóns de todos os presentes.

Ademais, para poñer a proba o aprendido co conto, os maiores organizaron un divertido Pasapalabra temático. Os pequenos de Primaria participaron con moito interese e demostraron que entenderon perfectamente a mensaxe da historia. Ver as súas caras de concentración e alegría mentres xogaban foi a mellor recompensas.

Ao remate , os máis pequenos foron obsequiados cuns debuxos para colorear nos que se representaban todos os dereitos.

Foi unha actividade colaborativa super chula que non só serviu para celebrar este día tan importante para a Infancia, senón tamén para potenciar o uso do galego, fomentar a creatividade e, o máis importante, unir a diferentes etapas educativas do noso colexio nun proxecto común.

Parabéns a todo o alumnado de 1º de ESO e Primaria por facer deste día un exemplo de convivencia e aprendizaxe!

 














CANCIÓN DOS DEREITOS


PARA VER O CONTO PREME NO ENLACE DE ABAIXO

       👉CONTO "LOLA E A REBELIÓN DOS CONTOS"



domingo, 7 de septiembre de 2025

SOMOS MIGRANTES: UNHA FRONTEIRA EN 16 MILÍMETROS

A ONGD Entreculturas denuncia que máis de 170.000 inmigrantes irregulares, principalmente subsaharianos, alxerianos e marroquís, chegaron ás fronteiras exteriores da Unión Europea ao longo do pasado ano. Desa cifra, 7.500 persoas arribaron ás costas españolas. A gran maioría trataron de entrar no país saltando os valos fronteirizos ou embarcados en pateiras aínda que a súa desesperación por sobrevivir os empurrou a navegar ata en balsas de xoguete ou simples flotadores. Con este panorama, que se repite día tras día, tanto os países membros da Unión Europea coma os gobernos africanos deben facer fronte a un drama cuxa solución máis efectiva radica na cooperación internacional e o investimento nos países afectados por esta situación de extrema pobreza, evitando así a emigración masiva dos seus habitantes.

"Cando nunha parte do mundo hai fame, a xente sae a saciala alí onde non a hai. 
Deste xeito foi sempre...e será".

Non vos perdades este documental de 15 minutos. Vén a complementar a realidade que vemos reflectida un día si e outro tamén a través dos medios de comunicación. Recuperemos a humanidade, tendamos a man aos que sufren  e sexamos hospitalarios. 



jueves, 24 de abril de 2025

VISITA DO ALUMNADO DE 2º ESO A COMPOSTELA

O luns 31 de marzo, os alumnos de 2º de ESO tivemos a oportunidade de realizar unha emocionante excursión a Santiago de Compostela. A xornada prometía ser unha aventura chea de aprendizaxes e descubrimentos, e así foi! O programa incluía unha visita guiada ás cubertas da Catedral, que comezou co impresionante Palacio Arzobispal de Xelmírez. Este edificio, considerado unha das principais construcións civís do románico en España, foi o punto de partida da nosa exploración. A guía que nos acompañou compartiu con nós a fascinante historia da catedral, explicando as dificultades que se atoparon para a súa construción debido ao desnivel do terreo. Despois dunha breve introdución, comezamos a ascender os 105 chanzos que nos levarían aos tellados da catedral. Unha vez chegados á cima, as vistas que se nos presentaron foran simplemente espectaculares. Desde alí, puidemos admirar non só a impoñente catedral, senón tamén a fermosa cidade de Santiago que se estendía aos nosos pés. Despois da visita ás cubertas, chegou a parte máis divertida da xornada: a actividade sorpresa! Divididos en grupos aleatorios, os rapaces embarcámonos nunha busca de lugares emblemáticos polo casco antigo de Compostela. Armados cunha aplicación de móbil, cada grupo tiña que localizar diferentes puntos da cidade, onde atoparían información e pistas sobre o que debían buscar. A emoción estaba no aire, e as risas non faltaron mentres facíamos selfis en cada un dos lugares que descubrimos. Finalmente, rematamos a nosa aventura na Alameda, onde chegou a hora de xantar. As opcións eran variadas: algúns desfrutaron do xantar ao aire libre, mentres que outros optaron por un menú do Burguer ou unha deliciosa pizza. Aínda que o tempo se nos fixo curto, todos compartimos momentos de diversión e compañeirismo. Regresamos a casa, agradecidos por esta experiencia única que nos permitiu coñecer un pouco máis sobre a historia e a cultura desta fermosa cidade.

 

martes, 22 de abril de 2025

DESCANSA EN PAZ , PAPA FRANCISCO

Faleceu O papa Francisco, pero deixounos un gran legado

 


“Non teñades medo da tenrura. A tenrura non é debilidade; é fortaleza. É a linguaxe do corazón, o que máis necesita este mundo ferido. Se algunha vez sentides que todo se derruba, abrazade ao que sofre, escoitade ao que cala, e orade mesmo sen palabras. Deus non se cansa de perdoar, somos nós os que nos cansamos de pedir perdón. A esperanza non defrauda, e o amor nunca falla.”