domingo, 23 de noviembre de 2025

OS DEREITOS DA INFANCIA, CONTADOS E CANTADOS NO COLE

 



OS DEREITOS DA INFANCIA, CONTADOS E CANTADOS NO COLE

O  20 de novembro, o noso centro encheuse de maxia e colaboración para celebrar o Día Internacional dos Dereitos da Infancia. Os rapaces e rapazas de 1º  B da ESO da materia de Reli,  foron os protagonistas dunha iniciativa marabillosa, deseñada para concienciar aos máis pequenos de Primaria sobre a importancia dos seus dereitos. O obxectivo era claro: facer que esta data tan significativa fose divertida, participativa e, sobre todo, memorable.

A REBELIÓN DE CONTOS

A actividade central xirou arredor do conto "Lola e a rebelión dos contos". A través desta historia, a pequena Lola descobre que personaxes clásicos como Cincenta, Carapuchiña ou Hansel e Gretel están "cansos de sufrir sempre nas súas historias" e decidiron rebelarse. Os personaxes esixían os mesmos dereitos que as nenas e nenos reais:

  • Unha vivenda digna, como pedían os Tres Porquiños.
  • Educación e familia que os coide, como soñaban Hansel e Gretel.
  • Igualdade e aceptación, como desexaba Pulgarciña.
  • E, sobre todo, vivir sen medo e en liberdade, como pedía Carapuchiña Vermella.

A narración serviu para reflexionar sobre como os contos axudan a entender mellor os Dereitos da Infancia, como o dereito á igualdade, á educación, á protección, á saúde ou ao xogo e a paz.

Música, Baile e Pasapalabra: Unha Lección de Dereitos

Un dos momentos máis emocionantes da xornada foi a presentación da canción dos dereitos que crearon para a ocasión. Cantaron e bailaron con entusiasmo, transmitindo unha mensaxe poderosa: "Os dereitos da infancia non se escriben na area, porque os leva o vento cando sobe a marea..."

Esta melodía, chea de ritmo e significado, conseguiu que a mensaxe calase nos corazóns de todos os presentes.

Ademais, para poñer a proba o aprendido co conto, os maiores organizaron un divertido Pasapalabra temático. Os pequenos de Primaria participaron con moito interese e demostraron que entenderon perfectamente a mensaxe da historia. Ver as súas caras de concentración e alegría mentres xogaban foi a mellor recompensas.

Ao remate , os máis pequenos foron obsequiados cuns debuxos para colorear nos que se representaban todos os dereitos.

Foi unha actividade colaborativa super chula que non só serviu para celebrar este día tan importante para a Infancia, senón tamén para potenciar o uso do galego, fomentar a creatividade e, o máis importante, unir a diferentes etapas educativas do noso colexio nun proxecto común.

Parabéns a todo o alumnado de 1º de ESO e Primaria por facer deste día un exemplo de convivencia e aprendizaxe!

 














CANCIÓN DOS DEREITOS


PARA VER O CONTO PREME NO ENLACE DE ABAIXO

       👉CONTO "LOLA E A REBELIÓN DOS CONTOS"



domingo, 7 de septiembre de 2025

SOMOS MIGRANTES: UNHA FRONTEIRA EN 16 MILÍMETROS

A ONGD Entreculturas denuncia que máis de 170.000 inmigrantes irregulares, principalmente subsaharianos, alxerianos e marroquís, chegaron ás fronteiras exteriores da Unión Europea ao longo do pasado ano. Desa cifra, 7.500 persoas arribaron ás costas españolas. A gran maioría trataron de entrar no país saltando os valos fronteirizos ou embarcados en pateiras aínda que a súa desesperación por sobrevivir os empurrou a navegar ata en balsas de xoguete ou simples flotadores. Con este panorama, que se repite día tras día, tanto os países membros da Unión Europea coma os gobernos africanos deben facer fronte a un drama cuxa solución máis efectiva radica na cooperación internacional e o investimento nos países afectados por esta situación de extrema pobreza, evitando así a emigración masiva dos seus habitantes.

"Cando nunha parte do mundo hai fame, a xente sae a saciala alí onde non a hai. 
Deste xeito foi sempre...e será".

Non vos perdades este documental de 15 minutos. Vén a complementar a realidade que vemos reflectida un día si e outro tamén a través dos medios de comunicación. Recuperemos a humanidade, tendamos a man aos que sufren  e sexamos hospitalarios. 



jueves, 24 de abril de 2025

VISITA DO ALUMNADO DE 2º ESO A COMPOSTELA

O luns 31 de marzo, os alumnos de 2º de ESO tivemos a oportunidade de realizar unha emocionante excursión a Santiago de Compostela. A xornada prometía ser unha aventura chea de aprendizaxes e descubrimentos, e así foi! O programa incluía unha visita guiada ás cubertas da Catedral, que comezou co impresionante Palacio Arzobispal de Xelmírez. Este edificio, considerado unha das principais construcións civís do románico en España, foi o punto de partida da nosa exploración. A guía que nos acompañou compartiu con nós a fascinante historia da catedral, explicando as dificultades que se atoparon para a súa construción debido ao desnivel do terreo. Despois dunha breve introdución, comezamos a ascender os 105 chanzos que nos levarían aos tellados da catedral. Unha vez chegados á cima, as vistas que se nos presentaron foran simplemente espectaculares. Desde alí, puidemos admirar non só a impoñente catedral, senón tamén a fermosa cidade de Santiago que se estendía aos nosos pés. Despois da visita ás cubertas, chegou a parte máis divertida da xornada: a actividade sorpresa! Divididos en grupos aleatorios, os rapaces embarcámonos nunha busca de lugares emblemáticos polo casco antigo de Compostela. Armados cunha aplicación de móbil, cada grupo tiña que localizar diferentes puntos da cidade, onde atoparían información e pistas sobre o que debían buscar. A emoción estaba no aire, e as risas non faltaron mentres facíamos selfis en cada un dos lugares que descubrimos. Finalmente, rematamos a nosa aventura na Alameda, onde chegou a hora de xantar. As opcións eran variadas: algúns desfrutaron do xantar ao aire libre, mentres que outros optaron por un menú do Burguer ou unha deliciosa pizza. Aínda que o tempo se nos fixo curto, todos compartimos momentos de diversión e compañeirismo. Regresamos a casa, agradecidos por esta experiencia única que nos permitiu coñecer un pouco máis sobre a historia e a cultura desta fermosa cidade.

 

martes, 22 de abril de 2025

DESCANSA EN PAZ , PAPA FRANCISCO

Faleceu O papa Francisco, pero deixounos un gran legado

 


“Non teñades medo da tenrura. A tenrura non é debilidade; é fortaleza. É a linguaxe do corazón, o que máis necesita este mundo ferido. Se algunha vez sentides que todo se derruba, abrazade ao que sofre, escoitade ao que cala, e orade mesmo sen palabras. Deus non se cansa de perdoar, somos nós os que nos cansamos de pedir perdón. A esperanza non defrauda, e o amor nunca falla.”   


jueves, 30 de enero de 2025

DÍA ESCOLAR DA PAZ E A NON VIOLENCIA 2025

 Hoxe 30 de xaneiro, o noso colexio celebrou o Día Escolar da Paz e da Non Violencia cunha serie de actividades que nos uniron a todos e todas na busca dun mundo mellor. A xornada comezou coa elaboración dun fermoso mural que representaba un tren da paz. Cada vagón levaba unha mensaxe especial, un recordatorio de que a paz se constrúe a través do respecto e a comprensión. Os alumnos e alumnas colaboraron na creación deste símbolo de unión e esperanza.

A continuación, un grupiño de alumnos/as representando a cada curso deron lectura a un manifesto pola paz onde nos comprometemos a ser embaixadores da paz no noso día a día. A celebración do Día Escolar da Paz e da Non Violencia non só nos recordou a importancia de vivir en harmonía, senón que tamén nos inspirou a seguir traballando xuntos por un mundo mellor.

Para pechar a celebración, todos xuntos cantamos a fermosa canción “A peor xogada”, composta no CEIP de Caión. Ao ritmo desta melodía, os rapaces e rapazas das Mirandas quixeron transmitir unha poderosa mensaxe: respectando as diferenzas e valorando a súa riqueza, podemos camiñar xuntos. Non hai muro que nos separe se estamos unidos na busca da paz.

CANCIÓN



LECTURA DO MANIFESTO




MURAL