jueves, 11 de diciembre de 2014

IV CARREIRA QUILÓMETROS DE SOLIDARIEDADE ORGANIZADA POLOS DEPARTAMENTOS DE RELIXIÓN E EDUCACIÓN FÍSICA

Dende fai 9 anos celébrase en miles de centros educativos de toda España a Carreira Quilómetros de Solidariedade. É unha actividade con dobre finalidade: por unha banda, espertar nos rapaces e rapazas un espírito crítico e solidario cara as inxustizas que afectan a millóns de nenos e nenas de todo o mundo e, por outra banda, recadar fondos para axudar a infancia mais desfavorecida e facer que se respecten os seus dereitos. O noso centro o CPI “Conde de Fenosa”, a través dos departamentos de relixión e educación física, está a participar por cuarto ano consecutivo nesta actividade en colaboración coa ONG “Save the Children”, polo que, o xoves 18 de decembro, o alumnado do noso colexio realizará un Maratón Solidario facendo un percorrido por Ares. Cada rapaz e rapaza abonará 1 € por inscribirse na carreira e recibirá un dorsal, un carné de corredor e un diploma acreditativo de participación. Pola súa banda, a recadación das inscricións irá a parar a través de Save the Children a reconstrución de infraestruturas escolares en Malí. Estaremos acompañados nesta carreira pola atleta aresá Paula Mayobre que apoiará esta causa coa súa presenza , acompañando aos rapaces e rapazas do noso centro. Agradecemos ao alumnado do noso centro a súa participación e solidariedade e invitamos a todos os pais e nais a que o día 18 saian a rúa a apoiar aos nosos corredores solidarios.


No hay comentarios: