viernes, 13 de junio de 2014

COLABORAMOS CON PAULA NO SÚA VIAXE A ETIOPÍA

Hoxe visitamos "o porquiño" de Paula Mayobre para colaborar co Proxecto que vai a apoiar en Etiopía en colaboración coa ONGD Abay. Aquí vos deixamos un pequeno vídeo da nosa colaboración.

miércoles, 30 de abril de 2014

GAÑADORES DO CONCURSO PROVINCIAL DA ONCE

Os alumnos e alumnas da clase de 3º ESO fumos gañadores do Concurso Escolar Once na fase provincial.
Como xa comentamos no seu día, este ano co  lema de "O Día da ilusión”, invitousenos a reflexionar sobre ela como motor da sociedade que nos empurra a superarnos, a perseguir as nosas metas, proxectos e soños. Para elo pedíusenos que desenvolvéramos un spot publicitario que mostrase por que é tan importante protexela e difundila. E os alumnos e alumnas da ESO puxeronse mans a obra. Aquí tedes de novo o traballo gañador. Non queremos deixar de felicitar aos rapaces e rapazas de 1º, 2º e 4º da ESO que aínda que non gañaron, fixeron uns  traballos impresionantes. Grazas a todos polo voso esforzo, entusiasmo, creatividade e conciencia.


viernes, 31 de enero de 2014

CELEBRAMOS O DÍA DA PAZ E A NON VIOLENCIA


Onte, 30 de xaneiro, achegámonos a unha nova edición do Día Escolar da Non violencia e a Paz (DENYP), na súa denominación completa e tal como a acuñou Llorenç Vidal, alá a mediados dos anos '60, en coincidencia co aniversario da morte violenta de Mahatma Gandhi, un 30 de Xaneiro de 1948.
Pero ademáis de celebrar o Día Escolar pola Paz cada 30 de Xaneiro, cousa que debemos facer, sería mellor  celebrar a paz todos os días e preguntármonos e interpelar ao alumnado sobre onde está a paz, e en que lugar debemos buscala. Porque non está, como adoitamos crer, fóra de nós, nos grandes líderes mundiais, nin tampouco nas pombas que soltamos, ou nos paneis que debuxamos, nas mans de cores que estampamos en muros e corredores... como ás veces cre o noso alumnado, senón que debemos aprender a escoitar a voz da nosa propia conciencia, dentro do noso corazón, desde aí é desde onde construímos a paz, cada día, connosco mesmo e cos demais. Tal e como o dicía maxistralmente o propio Mahatma Gandhi: "Os únicos demos que existen no mundo aniñan dentro do noso propio corazón".
E como non podía ser de outro modo, no noso cole celebramos esta data levando a cabo uhna serie de actividades:
Os alumnos e alumnas da ESO, da materia de relixión, realizaron un fermoso mural que preside a entrada  e que reflicte a Paz que todos debemos buscar e transmitir. Tamén os rapaces/as  de 1º ESO de Reli, visitaron aos alumnos e alumnas de educación infantil e primaria para falarlles deste día e da importancia da  paz, do dialogo, do respecto aos demais…  Ao final agasallaron a todos cunha das pegatinas que os alumno/as da ESO e de 6º de primaria crearon para esta data.
Os nenos de infantil e primaria tamén conmemoraron este día facendo debuxos, murais e reflexións sobre a paz.

Aquí tedes un video resumo deste día.

                              

AGRADECEMENTO DA COCIÑA ECONÓMICA



jueves, 9 de enero de 2014

DONACIÓN DOS DE 4º ESO A CÁRITAS

@s alumn@s de 4°da ESO do noso cole, sortearon unha cesta de Nadal donada polo Supermercado DIA. Ao non aparecer o gañador/a da cesta decidiron donala a Cáritas Aresanas, entidade que axuda aos  máis desfavorecid@s. Graciñas pola vola solidariedade!!!

domingo, 29 de diciembre de 2013

III CARREIRA QUILÓMETROS DE SOLIDARIEDADE ORGANIZADA POLOS DEPARTAMENTOS DE RELIXIÓN E EDUCACIÓN FÍSICA

Un ano máis e, vencendo as inclemencias do tempo, os rapaces e rapazas de secundaria do CPI Conde de Fenosa correron a III Carreira Quilómetros de Solidaridade baixo o lema: Xuntos por un obxectivo común, que todos os nenos e nenas teñan as mesmas oportunidades. A recadación que ascendeu a 314,50 € foi a parar esta vez a un proxecto educativo en Etiopía. 

Grazas a todos os rapaces e rapazas pola súa entrega e solidariedade, ás familias, aos profesores, ás empresas e comercios do Concello (DIA, Froiz, Floristería Real, Ramil Ganma, Clinica Veterinaria San Antonio), ao Concello de Ares (policía local, protección civil), aos alumnos do PCPI por axudar na organización de toda a carreira e por suposto a nosa atleta Paula Mayobre que un ano máis nos acompañou no evento.








                              

martes, 17 de diciembre de 2013

ÉXITO DA OPERACION QUILO DE NADAL


Hoxe os máis de 500 quilos de alimentos que recollimos no noso cole, foron entregados as institucións "Cociña Económica de Ferrol" e "Cáritas de Ares". Grazas de novo ás familias, ao alumnado e ao profesorado pola vosa solidariedade e colaboración nesta campañada Operación Quilo de Nadal.

                              



martes, 10 de diciembre de 2013

10 DE DECEMBRO "DÍA DOS DEREITOS HUMANOS"

Con esta foto tomada no corazón de Soweto (Sudáfrica) vos desexamos un feliz Día dos Dereitos Humanos e, ao mesmo tempo, dedicamos o noso adeus ao maestro MANDELA.

OS NENOS E NENAS DE INFANTIL "B" CON MAHÁN NO DÍA DOS DEREITOS HUMANOS

Hoxe  celébrase o Día dos Dereitos Humanos e que mellor data para que os pequerrechos de infantil B coñezan a historia do noso amigo Mahán que, como todos sabedes, non ten dereito á unha educación coma nós.
Esperamos que lles gustara o conto, así como a pegatina e a cadeira vermella que levaron de recordo para as súas aulas e que lembra a todos eses nenos e nenas que aínda non teñen dereito á educación.





domingo, 1 de diciembre de 2013

TRADICIÓNS



Queridos alumn@s de 1º da ESO,  debedes de  buscar información sobre estas tradicións relixiosas no mundo:

- O Nadal.
- O Ramadán.
- O Hanuka ou festa das luces.
- O Yom Kippur.

Ademais de achegar a información, debedes de buscar algunha imaxe que ilustre cada unha delas.
Como complemento a esta actividade, podedes investigar tradicións relixiosas que vos chamen a atención e dicir o por que. Ademais debedes de  describir unha ou dúas que estean presentes na vosa familia ou que se celebren na vosa vila.
O traballo o podedes entregar na clase ou envialo a o correo seguinte: enreliando@gmail.com

jueves, 28 de noviembre de 2013

VISITAMOS A ONG CÁRITAS EN ARES


Neste primeiro trimestre estivemos a traballar o papel que desempeñan as ONG´s na sociedade  e no mundo. Para completar o noso traballo, hoxe  os  alumnos e alumnas de 1º  ESO visitamos as instalacións de Cáritas sitas no baixo dá Biblioteca de Ares, lugar que cedeu amablemente o Concello para que esta institución poida atender as persoas que o necesitan.

Cando chegamos estábannos a esperar Concha e  Lorena  que son dúas das voluntarias que traballan desinteresadamente en Cáritas de Ares. Amablemente explicáronos como funciona esta institución: como xurdíu Cáritas, canto tempo levaba en funcionamento, cantos alimentos recollían ao mes, o perfil dos usuarios e unha morea de preguntas máis que os rapaces e rapazas  lles fixeron. Tamén amosáronnos as instalacións: o ropeiro con toda a roupa doada pola xente, os conxeladores onde gardan alimentos perecedeiros, a sala onde están- en diversas estanterías- os alimentos recollidos. Explicáronnos que ademais dos alimentos que recollen na sé de Cáritas, tamén contan coa colaboración de diversos supermercados e establecementos de Ares onde a xente pode depositar a súa doazón. 
“Aínda que estamos en tempos de crise, e todos a notamos, a xente de Ares é moi solidaria”, suliñou Concha, quen nos puxo o exemplo de  xente que nun determinado momento tivo que acodir a Cáritas e  hoxe en día, esa mesma xente, que se encontra nunha mellor posición, achégase pola institución para deixar alimentos e aportar o que pode dentro dás súas posibilidades.
 A verdade é que os alumnos/as quedaron impresionados e mostraron moito interese. Na nosa visita tamén aportamos un pequeno graíño de area levando uns cantos alimentos e unhas caixas de leite.
Grazas a Concha e a Lorena por recibirnos sempre tan ben e dicir que esta visita é previa á que faremos no nadal cando levemos a Cáritas e á Cociña Económica de Ferrol, os alimentos que recolleremos no noso centro dentro da “Operación Quilo” de Nadal.



"MAHÁN E A CADEIRA VERMELLA". UN CONTO POLO DEREITO Á EDUCACIÓN UNIVERSAL.

"A cadeira vermella" é a campaña que Entreculturas lanza para concienciar á poboación do dereito á educación de máis de 61 millóns de nenos en todo o mundo que están sen escolarizar. Un grupiño de alumos/as de 3º da ESO axudaron a presentar esta campaña reivindicando a escolarización universal para todos os nenos e nenas do mundo. 

Un mural (feito por Ana Martínez de 2º ESO), unha frase ben sinxela: “Polo dereito á educación de todos os nenos e nenas do mundo” e unha simple cadeira vermella recórdanos a importancia da educación e de que ese dereito se faga realidade para os 61 millóns de nenos e nenas que, a día de hoxe, están sen escolarizar en diferentes lugares do mundo e non teñen a sorte e o privilexio de asistir a unha escola e aprender.


Hoxe para celebrar o Día dos Dereitos da Infancia realizamos unha sesión de contacontos para o alumnado de 1º de Primaria. Os alumnos/as encargados de toda esta montaxe foron un grupiño de rapazas e rapaces de 3º da ESO do noso cole. 

O conto cuxo título é “Mahán e a cadeira vermella” está inspirado na campaña "A cadeira vermella”" lanzada pola ONG Entreculturas e foi creado polos nenos e nenas de 1º da Eso do CPI “Virxe da Cela” de Monfero. As nosas compañeiras de 3º Andrea, Begoña, Lucía e Ainhoa foron as encargadas de contar a historia de Mahán  aos nosos pequerrechos de 1º EP, así como facer unha pequena dinámica e un xogo para facelos recapacitar sobre á importancia da educación. 



As profes dos pequerrechos tamén demostraron as súas dotes interpretativas na dinámica que levamos a cabo.

Pero a sesión non rematou aquí. As nosas compañeiras Raquel e Eva crearon un conto titulado “A historia de Niara”. Esta historia ten a peculiaridade de que está sen rematar,  así que as profes levaron unha copia para que entre todos os nenos e nenas, escriban como lles gustaría que  rematase a historia de Niara. 


Por último, os pequerrechos levaron de agasallo unha pegatina feita por  Paola Toribio de 2º da ESO, que ilustra moi ben esta campaña, así como unha pequena cadeira vermella como símbolo dos 61 millóns de nenos e nenas que non poden ir á escola.


Parabéns a todos os alumnos/as que preparáchedes a sesión por demostrar esas capacidades creativas e deixar voar a vosa imaxinación, e aos pequerrechos de primaria por ser tan participativos e estar tan atentos.

Dicir que nas vindeiras semanas seguiremos coas sesións de contacontos  para que todos os cursos de infantil e primaria poidan gozar da historia de “Mahán e a cadeira vermella”.

                        
                        Mahán e a cadeira vermella from Yolanda Castro López

sábado, 9 de noviembre de 2013

DE QUEN SE TRATA?



Voltamos de novo co noso concurso "De quen se trata?".  Esta vez tedes que adiviñar o  nome dunha persoa comprometida cos dereitos humanos e que no seo da igrexa defendeu a "opción preferencial polos pobres".

Pistas:
  • Loitou sobre todo polos dereitos dos campesiños, dos obreiros e de todas as persoas que recurrían a el no contexto da violencia e a represión militar que vivía o seu país.
  • Unha das súas frases que resume o seu pensamento é: “A verdade fainos libres e a mentira convértenos en escravos”. 
  • Morreu asasinado.
 Se descubrides quen é, debedes mandar ao correo do blogue: enreliando@gmail.com, o nome do personaxe así como unha pequena síntese da súa biografía na que apareza tamén unha imaxe del.

O alumno/a que antes envíe o correo coa resposta correctamente redactada e elaborada, recibirá un agasallo. Haberá un pequeno obsequio para todos os participantes que aínda que non chegaran de primeiros, deran co noso personaxe misterioso.

20 DE NOVEMBRO, DÍA DOS DEREITOS DA INFANCIA

A tres semanas da celebración da importante data  do "Día dos dereitos da infancia", penduramos no blogue os seguintes materiais didácticos aportados pola ONG Entreculturas. Os profes e titores podemos ir así familiarizándonos con conceptos e ideas, que nos poden levar á realización de actividades para esta conmemoración tan destacada. Coñeceremos as iniciativas que se están levando a cabo tanto en España como no Chad, e esperamos as vosas ideas para lanzar desde o CPI Conde de Fenosa.


martes, 5 de noviembre de 2013

PROXECTO ONG´S

O alumnado da ESO do noso centro estivo a traballar sobre o papel que xogan as ONG´s no desenvolvemento humano dos pobos. A partir da información que foron recompilando elaboraron este dosier no que se incluen algunhas das ONGD máis importantes e as actuaciones que están a realizar, encamiñadas ao desenvolvemento de colectivos excluidos ou en risco de exclusión, así como a países ou comunidades necesitados de axuda e ao  desenvolvemento humano e sostible do noso planeta.

Aquí vos deixamos o dosier. Picade enriba del para velo en grande.



miércoles, 16 de octubre de 2013

CONCURSO: DE QUEN SE TRATA?




PISTAS:
1.- O seu autor naceu a principios do século XX en Buenos Aires.
2.- Este cadro pintouno  en 1975
3.- Morreu na Coruña en 1979 


PREMIO: 
O alumno/a que antes envíe, a través dun comentario ao noso enderezo electrónico,unha pequena reseña na que apareza:

  • Nome do autor e unha pequena síntesis da súa biográfica.
  • Nome da obra e unha pequena descrición da mesma.
     O Departamento de Reli obsequiarano cun agasallo.

lunes, 16 de septiembre de 2013

BENVID@S A UN NOVO CURSO

Comeza o novo Curso Escolar 2013-2014. Desde Enreliando  dámosvos a benvida a todos e todas.
Seguramente moitos viredes con novas ideas e propósitos para esta nova andaina. Tamén con novas forzas despois do verán. Esperamos que o comezo sexa bo para tod@s e que todas esas novas ideas e propósitos teñan cabida ao longo do curso.
 Por iso, a todos, pais e nais, profesores e profesoras e, en especial, a todo o noso alumnado, FELIZ CURSO!!!.

lunes, 27 de mayo de 2013

SOMOS: UNIDOS PARA CAMBIAR O MUNDO

A unión fai a forza, e de momento, xa SOMOS máis de tres millóns de persoas dispostas a cambiar o mundo. Así nace SOMOS, unha iniciativa que agrupa a numerosas ONGs coa finalidade de fomentar a solidariedade na sociedade na que vivimos, e para recoñecer todo o que os colaboradores das ONGs fan día a día. 

O noso cole leva mostrando o seu compromiso coa solidariedade en diferentes proxectos, e neste día, venres 24 de xuño, queremos mostrar a todo o mundo que podemos dar a volta ás cousas. Deixamos a nosa testemuña a través dos retratos dos rapaces e rapazas e dos profes, que decidiron exhibir unha prenda de vestir ao revés, sumándose a este soño de cambiar o mundo e de dar volta ás cousas.