domingo, 12 de abril de 2015

FESTIVAL DE CLIPMETRAXES DE MANOS UNIDAS: O ALUMNADO DE 4º ESO GAÑA O PREMIO Á CLIPMETRAXE MÁIS VOTADA.

Onte venres, tivo lugar no salón de actos do centro Fonseca de A Coruña, a entrega de premios de carácter autonómico da VI Edición do Festival de Clipmetraxes “O teu punto de vista pode cambiar o mundo”. O xurado composto polo  historiador da arte e profesor José Eulogio Rouco Lamela, polo actor Paulo Gouveia Gaboco e pola profesora María del Mar  García Fernández, presidíu o acto no que recibimos o Premio ao  Clipmetraxe máis votado.

Recolleron o galardón en representación de toda a clase de 4º de ESO, Noe, Cris, Raquel e Elisabeth. En hora boa a todos os alumnos/as que fixestes este estupendo traballo, a Luisa a profe de lingua de signos do noso cole por participar signando a nosa clipmetraxe, e as nais e profes que nos acompañaron á Coruña. Grazas polo voso traballo e esforzo.













Aquí tedes a nosa clipmetraxe:

lunes, 30 de marzo de 2015

VISITA DOS ALUMNOS/AS DE 1º DA ESO A CÁRITAS DE ARES

Os alumnos e alumnas de 1º ESO realizamos unha visita ás instalacións de Cáritas onde amablemente nos recibiu Conchi, unha das voluntarias. Explicounos pormenorizadamente como funciona a asociación en Ares e contounos anecdotas e detalles do seu traballo. Tamén contestou a toda e cada unha das preguntas que os rapaces e rapazas lle fixeron.  
Grazas a Conchi por ser tan boa anfitriona e graciñas tamén a todos os alumnos/as que levaron alimentos.







viernes, 6 de marzo de 2015

8 de MARZO: DÍA DOS DEREITOS DA MULLER


Este domingo 8 de marzo celébrase o Día Internacional da Muller. Neste día é fundamental recordar que todas as persoas, xa sexa homes ou mulleres, posúen unha dignidade e, por iso, teñen dereito á igualdade. Ademais, este ano 2015 é un momento histórico: cúmprense 20 anos da Declaración e a Plataforma de Acción de Beijing, folla de ruta para a materialización dos dereitos das mulleres, e cúmprese a data fixada para o cumprimento dos Obxectivos da Educación para Todos (EPT) e dos Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio (ODM).
A día de hoxe, aínda queda moito por facer para que os dereitos das mulleres e as nenas non sexan vulnerados. Aínda non fomos capaces de suprimir as disparidades entre sexos no ensino primario e secundario e lograr a igualdade de xénero na educación. Os obstáculos máis relevantes son a pobreza, as prácticas sociais discriminatorias, a distancia dos centros escolares para as persoas que viven en zonas rurais, os matrimonios precoces, a falta de instalacións sanitarias axeitadas que fai que as mulleres e as nenas sexan máis vulnerables á violencia, ou vivir en ámbitos escolares perigosos por conflitos armados.
 O Estado ten un papel fundamental en promover políticas e estratexias adecuadas para lograr unha educación de calidade para nenas e mulleres, como por exemplo: 
•Asegurar un investimento axeitado que teña impacto en todos os obstáculos que impiden a educación das mulleres e nenas.
•Acurtar as brechas producidas pola pobreza e a exclusión e facer que a educación sexa de igual calidade para todos e todas.
•Revisar a estrutura e o funcionamento xeral do sistema educativo, erradicando calquera forma de discriminación e incluíndo eixes transversais para a equidade de xénero.
•Unha boa escola vai asociada a un bo proxecto de comunidade. Coherencia entre os códigos éticos da escola e os códigos éticos que desenvolve a convivencia cotiá.
•Garantir unha boa formación dos docentes en perspectiva de xénero, cidadanía e democracia.
•Asegurar características inclusivas na escola como: infraestruturas axeitadas, contidos e materiais educativos comprometidos coa igualdade de xénero e que sexan espazos de reeducación das relacións entre home e mulleres eliminando os roles tradicionais.

Para a consecución plena do dereito á igualdade no mundo, son necesarias sociedades que traballen en pro de dito dereito e a favor do empoderamento das mulleres. Está amplamente recoñecido pola comunidade internacional, que os países con maior igualdade entre homes e mulleres experimentan progresos en diferentes ámbitos como maior crecemento económico, erradicación da pobreza, desenvolvemento sostible e acordos de paz máis duradeiros.

Por iso todos debemos de  seguir traballando na liña da sensibilización e da incidencia política. Porque, cantos máis sexamos empurrando nesta dirección, máis forte será a nosa voz e máis pronto lograremos alcanzar a meta dunha cidadanía igualitaria, con plenos dereitos e garantista dunha igualdade real e diaria entre homes e mulleres.


sábado, 28 de febrero de 2015

CONCURSO AUDIOVISUAL "TE VEO EN 3 MINUTOS". FUNDACIÓN PRINCESA DE ASTURIAS

A Fundación Princesa de Asturias (FPA) que procura, entre os seus fins, a exaltación e promoción de cantos valores científicos, culturais e humanísticos son patrimonio universal, convocou a primeira edición do concurso «Te veo en 3 minutos», dirixido aos alumnos de ESO e BAC, sobre os galardoados co Premio Príncipe de Asturias en calquera das súas categorías e edicións. O obxecto deste concurso é o de achegar a actividade da FPA e dos seus premiados aos estudantes de E.S.O. e Bacharelato dos centros educativos españois co fin de fomentar os fins e valores que impulsa a FPA e de promover a utilización das novas tecnoloxías na educación.
No CPI Virxe da Cela (Monfero) os nosos alumnos de 3º ESO (Silvia, María, Sara e Lara) e de 4º ESO ( Manuel, Michelle, Laura Muíño e Cintia), tomando como referencia a categoría dos Premios Príncipe de Asturias á Concordia, realizaron uns estupendos traballos audiovisuais que presentaron ao concurso. Parabén a todos eles e mención especial a Manuel Santamariña pola edición do vídeo de 4º, no cal realizou el só toda a produción audiovisual.

Felicidades a tod@s polo voso traballo.

      

lunes, 16 de febrero de 2015

FESTIVAL DE CLIPMETRAJES DE MANOS UNIDAS

O alumnado de 4º ESO do cole de Ares está a concursar no Festival de Clipmetraxes sobre a pobreza e o cambio climático. Como hai un premio ao clipmetraxe máis votado, pediríavos que si queredes, piquedes na foto, o vexades e nos regaledes un voto.





  GRACIÑAS. POR UN MUNDO MÁIS HUMANO E SOSTIBLE!!!



miércoles, 4 de febrero de 2015

MINI DOCUMENTAL: AS ONGD´S COLECTIVOS DE ACCIÓN SOLIDARIAS

O alumnado de 1º ESO estivo a traballar sobre o papel que xogan as ONGD´s no desenvolvemento humano dos pobos. A partir da información que foron recompilando gravaron este vídeo documental no que se inclúen algunhas das ONGD´s máis importantes e as actuacións que están a realizar, encamiñadas ao desenvolvemento de colectivos excluídos ou en risco de exclusión, así como a países ou comunidades necesitados de axuda e ao  desenvolvemento humano e sostible do noso planeta.
Con esta actividade preténdese potenciar o uso oral e escrito do noso idioma así como fomentar os “Proxectos documentais” que integran as Tic e o Proxecto Lector.
Aquí vos deixamos o vídeo. Esperamos que vos guste.

viernes, 30 de enero de 2015

CONTOS PARA A PAZ .

Co gallo da celebración do Día Escolar da Paz e a Non Violencia os alumnos e alumnas de 4º da ESO da materia de Reli,(Alba, Noe, Andrea, Begoña e José Manuel), prepararon e interpretaron  dous contos para os pequerrechos de primaria. As historias tituladas "A espada pacifista" e "Buscando a paz", encantáronlle aos mais pequenos, que estiveron moi atentos e participativos coma sempre. Aquí vos deixamos o vídeo da sesión e os contos para que gozedes coa súa lectura. 
Moitas grazas aos peques e as súas profes pola súa visita e parabéns aos rapaces/as da ESO polo seu traballo.



CELEBRACION DO DÍA DA PAZ NO NOSO COLE.

Hoxe 30 de xaneiro celébrase en todos os coles o Dia Escolar da Paz e a Non Violencia,  pero recordade que a paz non é só cousa dun día, dunha data siginificativa, senón que a paz é cousa de todos os días e temos que axudar a construíla cos nosos pequenos actos de cada día.
No noso centro fixemos unha morea de actividades en todos os cursos desde infantil ata primaria e secundaria. Así, os rapaces da ESO realizaron unha serie de debuxos relativos á paz que foron convertidos en pegatinas e que repartiron os alumn@s de 1º ESO da clase de Reli, polas distintas aulas, ademáis de falarlles un pouquiño aos mais pequenos do significado desta data.



A nosa brillante ilustradora Ana Martínez (3º ESO) realizou este estupendo cartel para conmemorar este día.

Por outra banda os rapaces de 4º ESO realizaron unha sesión de contacontos para os nenos e nenas do 1º ciclo de primaria. Alba, Noe, Andrea, Begoña e José Manuel levaron a termo esta sesión. Os pequenos desfrutaron moito cos contos “A espada pacifista” e “En busca da Paz”, que tan ben ilustraron na ESO con imaxes dos clicks de Famobil.



Por último os alumnos e alumnas de 2º ESO realizaron un estupendo vídeo sobre a paz que podedes ver a continuación.

             

FELIZ DÍA DA PAZ e xa sabedes, intentemos construíla e celebrar a paz de todos os días: a convivencia, o respecto, compartir vivencias xuntos...para que o 30 de Xaneiro, non se converta nunha rutina, para que a paz sexa algo máis que un conto de pombas e globos, flor dun día, cada ano, por moi brillante que sexa.



miércoles, 28 de enero de 2015

30 DE XANEIRO: DÍA ESCOLAR DA NON VIOLENCIA E A PAZ

Achegámonos a unha nova edición do Día Escolar da Non violencia e a Paz (DENYP), na súa denominación completa e tal como a acuñou Llorenç Vidal, alá a mediados dos anos 60, en coincidencia co aniversario da morte violenta de Mahatma Gandhi, un 30 de Xaneiro de 1948.

Ademais de celebrar o Día Escolar pola Paz cada 30 de Xaneiro, cousa que debemos facer, sería mellor (e desde logo máis efectivo) celebrar a paz de todos os días e preguntármonos e interpelar ao alumnado sobre onde está a paz,  e en que lugar debemos buscala. Porque non está, como adoitamos crer, fóra de nós, nos grandes líderes mundiais, nas mans de cores que estampamos en muros e corredores, nin tampouco nas pombas que soltamos ou nos paneis que debuxamos, como ás veces cre o noso alumnado, senón que debemos aprender a escoitar a voz da nosa propia conciencia (Jonan Fernández), dentro do noso corazón. Desde aí é desde onde construímos a paz, cada día, con nós mesmos e cos demais. Tal e como dicía maxistralmente o propio Mahatma Gandhi: "Os únicos demos que existen no mundo aniñan dentro  do noso propio corazón". Intentemos pois construíla e celebrar a paz de todos os días, a convivencia, compartir vivencias xuntos, para que o 30 de Xaneiro, non se converta nunha rutina, para que a paz sexa algo máis que un conto de pombas e globos, flor dun día, cada ano, por moi brillante que sexa.

E para conmemorar esta data os alumnos  dos coles de Ares e Monfero colaboraron conxuntamente para realizar este pequeno vídeo sobre a paz. Aquí tedes o resultado.


        

OS ALUMNOS DE 4º ESO DONAN A CÁRITAS A CESTA DE NADAL

Grazas ao alumnado de 4º da ESO que doou a Cáritas de Ares a cesta que sorteaban para recadar fondos para a súa excursión de fin de curso.  A solidariedade ante todo. Parabens!!!.

domingo, 28 de diciembre de 2014

ÉXITO DA IV CARREIRA QUILÓMETROS DE SOLIDARIEDADE REALIZADA NO NOSO CENTRO

A pesar do mal tempo que nos acompañou o xoves, o milagre fíxose posible e os nos@s corredores e corredoras solidarios, vencendo a choiva e o frío, correron a “IV Carreira Quilómetros de solidariedade” que organizou o o noso cole.
Foi unha xornada estupenda na que todos os alumnos e alumnas do cole(infantil, primaria e secundaria), correron xuntos por un obxectivo común, “que todos os nenos e nenas teñan as mesmas oportunidades”.

Dende aquí queremos dar as grazas a toda a comunidade educativa, alumnado, familias e profesorado, polo voso apoio e solidariedade. Sodes moi GRANDES, con maiúsculas!!!.
Grazas tamén á atleta Paula Mayobre que, outro ano mais, acompañou durante toda a xornada aos nenos e nenas e aos non tan nenos, nesta actividade.
Mención tamén aos establecementos colaboradores (Floristería Real e a Frutería de Mari), ao Concello de Ares, Policía Local e Protección Civil.
Fruto da vosa solidariedade os 1.130,43 euros recadados axudarán a que os nenos e nenas de Malí teñan a oportunidade de ir á escola e gozar do DEREITO Á EDUCACIÓN.

NORABOA A TOD@S E GRAZAS, DE NOVO, POLA VOSA IMPLICACIÓN E COLABORACIÓN!!!!    
BO NADAL!!!

Aquí vos deixamos os videos da xornada.

                                       
CARREIRA SECUNDARIA
                    

CARREIRA INFANTIL E PRIMARIA
                   





ÉXITO DA OPERACIÓN QUILO DE NADAL


miércoles, 17 de diciembre de 2014

jueves, 11 de diciembre de 2014

IV CARREIRA QUILÓMETROS DE SOLIDARIEDADE ORGANIZADA POLOS DEPARTAMENTOS DE RELIXIÓN E EDUCACIÓN FÍSICA

Dende fai 9 anos celébrase en miles de centros educativos de toda España a Carreira Quilómetros de Solidariedade. É unha actividade con dobre finalidade: por unha banda, espertar nos rapaces e rapazas un espírito crítico e solidario cara as inxustizas que afectan a millóns de nenos e nenas de todo o mundo e, por outra banda, recadar fondos para axudar a infancia mais desfavorecida e facer que se respecten os seus dereitos. O noso centro o CPI “Conde de Fenosa”, a través dos departamentos de relixión e educación física, está a participar por cuarto ano consecutivo nesta actividade en colaboración coa ONG “Save the Children”, polo que, o xoves 18 de decembro, o alumnado do noso colexio realizará un Maratón Solidario facendo un percorrido por Ares. Cada rapaz e rapaza abonará 1 € por inscribirse na carreira e recibirá un dorsal, un carné de corredor e un diploma acreditativo de participación. Pola súa banda, a recadación das inscricións irá a parar a través de Save the Children a reconstrución de infraestruturas escolares en Malí. Estaremos acompañados nesta carreira pola atleta aresá Paula Mayobre que apoiará esta causa coa súa presenza , acompañando aos rapaces e rapazas do noso centro. Agradecemos ao alumnado do noso centro a súa participación e solidariedade e invitamos a todos os pais e nais a que o día 18 saian a rúa a apoiar aos nosos corredores solidarios.


ACTIVIDADES SOLIDARIAS DE NADAL


lunes, 24 de noviembre de 2014

CELEBRACIÓN DO DÍA DOS DEREITOS DA INFANCIA A CARGO DO ALUMNADO DA ESO DE RELI



O 20 de novembro celebrouse en todo o mundo o “Día Internacional dos Dereitos da Infancia” e para conmemorar esta data o alumnado de relixión de 2º, 3º e 4º da ESO estiveron preparando durante varias semanas unha actividade para os nenos e nenas de infantil e primaria. A actividade consistíu na maquetación e representación do conto “Na procura dun mundo maravilloso”, no que un grupiño de nenos e nenas liderados por Liberdade embárcanse nunha viaxe por un camiño longo e verde na procura dun mundo mais humano e mellor.

Os nosos contacontos foron en distintas sesións, Andrea e Begoña (4º ESO), Marta ,Fran, Fátima e Ana (2º ESO) e Ana Martínez, Antonio, Paola e Mayolla (3º ESO). Todos e cada un deles mostráronnos as súas dotes interpretativas e o seu dominio á hora de contar historias. E non só iso, tamén nos demostraron, como veredes no video pendurado mais abaixo, as súas capacidades musicais facendo unha pequeña coreografía para bailar cos pequenos a “Canción dos Dereitos”.
Logo do conto os rapaces e rapazas de primaria participaron na actividade do "Pasapalabra dun mundo marabilloso” como complemento á sesión do contacontos. Utilizando as letras do abecedario os nenos e nenas demostraron a atención prestada durante a sesión, así como os seus coñecementos no campo da educación para o desenvolvemento. 
Se queredes volver a facelo cos vosos amigos aquí vos deixamos pendurado mais abaixo o "Pasapalabra", pero... acordádevos de ler primeiro o conto de “Na procura dun mundo maravilloso”.

E como broche final todos os nenos/as foron agasallados cuns marcapáxinas feitos polos rapaces da ESO e que ilustran os dereitos que todos os nenos e nenas deben ter.
En hora boa a todos os alumnos/as que preparáchedes esta actividade xa fora na montaxe do conto, recortando os marcapáxinas, elaborando o pasapalabra ou narrando esta historia marabillosa. Parabéns  por facelo tan ben e demostrar as vosas capacidades creativas e felicitar tamén de modo especial  a Ana Martínez  (3º ESO) que unha vez mais demostrou as súas dotes de ilustradora creando e debuxando os personaxes do conto.
E non nos esquecemos por suposto de felicitar aos nenos e nenas de infantil e primaria que estiveron moi atentos e participativos en cada unha das sesións. En hora boa a tod@s.


Esta actividade está organizada polo Departamento de Reli, o EDLG e a Biblioteca escolar. O EDLG quere a través dela potenciar o uso da lingua galega, tanto de maneira escrita como oral, e ofrecernos o lugar perfecto para mergullarnos no mundo das historias.









 






                  
                        Xogo pasapapalabra conto dereitos from Yolanda Castro López

sábado, 25 de octubre de 2014

A CADEIRA VERMELLA

Un ano máis sumámonos á campaña da Cadeira Vermella, iniciativa lanzada en 2012 co obxectivo de chamar a atención simbolicamente sobre a alarmante cifra de nenos e nenas que non van á escola.

   Neste curso centrarémonos no aspecto da inclusión, remarcando que tódolos nenos e nenas teñen o dereito de asistir á escola a pesares dos seus diferentes lugares de residencia, capacidade económica das familias, xénero, idioma, orixe étnica ou diversidade nas súas capacidades.


sábado, 11 de octubre de 2014

MALALA E SATYARTHI, PREMIO NOBEL DA PAZ 2014

A paquistaní Malala Yousafzai, a moza á que os talibáns dispararon á cabeza en 2012 por defender a escolarización das mulleres, e o activista indio Kailash Satyarthi foron galardoados este venres co Nobel da Paz 2014 "pola súa loita contra a opresión dos nen@s e os moz@s e polo dereito de todos os nen@s á educación".
 "Os nenos deben ir á escola e non ser explotado financeiramente", defendeu o Comité Nobel, subliñando que "nos países pobres, o 60% da poboación actual ten menos de 25 anos". Segundo explicou ao realizar o anuncio o presidente do Comité Nobel Noruego, Thorbjon Jagland, considerouse "un punto importante que un hindú e unha musulmá, un indio e unha paquistaní, se unan na loita común pola educación e contra o extremismo.

No caso de Satyarthi, resaltou que "mostrando gran valor persoal" e seguindo a tradición de Gandhi, "liderou varias formas de protesta e manifestación, todas pacíficas, centrándose na grave explotación dos nenos para obter beneficios financeiros". Así mesmo, "contribuíu" ao desenvolvemento de importantes convencións internacionais" "sobre os dereitos dos nenos". Kailash Satyarthi, enxeñeiro informático indio que hai 28 anos abandonou o ordenador para denunciar ás multinacionais que no seu país explotan nenos de entre 5 e 12 anos de idade, encabeza a organización Global March, que liberou da escravitude empresarial a uns 80.000 nenos en máis de 160 países.

En canto a Malala, "malia a súa xuventude", leva anos loitando polo dereito das nenas á educación e mostrou co seu exemplo que os nen@s e os moz@s tamén poden contribuír a mellorar as súas propias situacións. Ademais, fíxoo baixo as mais perigosas circunstancias. Mediante a súa loita heroica converteuse nunha destacada voceira dos dereitos das nenas á educación.

NORABOA A ÁMBOLOS DOUS!!!

11 DE OUTUBRO: DÍA INTERNACIONAL DAS NENAS

Este sábado 11 de outubro, é o Día Internacional das Nenas e desde Monferosolidario queremos ter presentes especialmente aos case 25 millóns de nenas en todo o mundo que non teñen garantizado o dereito á educación. Sumámosnos á nova Premio Nobel da Paz, ‪MalalaYousarfzai na súa loita por defender o dereito á educación das nenas no mundo.




domingo, 28 de septiembre de 2014

I CONCURSO DE FOTOGRAFÍA "ENRELIANDO"




CONVOCAMOS, dende o noso blog, o I Concurso de Fotografía.  Para participar tes que enviar a túa foto (máximo de dúas) a través dun correo electrónico a  enreliando@gmail.com, dende hoxe e ata o 1 de decembro. 
TEMÁTICA: A temática das fotos versará sobre o patrimonio do noso concello.
PERÍODO DE VOTACIÓN: Unha vez recibidas as fotos expoñerémolas noutra entrada do blog e todos poderedes votar pola que consideredes mellor. Ese prazo será do 5 ao 14 de decembro.
O PREMIO ou PREMIOS entregaranse  o xoves 18 de decembro.

                                                    Pois veña... ¡ A PARTICIPAR!!

viernes, 11 de julio de 2014

POLA PAZ!!!


Hay algo tan necesario como el pan de cada día, y es la paz de cada día. La paz sin la cual el pan es amargo. Pola paz en Gaza!!!







viernes, 13 de junio de 2014

COLABORAMOS CON PAULA NO SÚA VIAXE A ETIOPÍA

Hoxe visitamos "o porquiño" de Paula Mayobre para colaborar co Proxecto que vai a apoiar en Etiopía en colaboración coa ONGD Abay. Aquí vos deixamos un pequeno vídeo da nosa colaboración.

miércoles, 30 de abril de 2014

GAÑADORES DO CONCURSO PROVINCIAL DA ONCE

Os alumnos e alumnas da clase de 3º ESO fumos gañadores do Concurso Escolar Once na fase provincial.
Como xa comentamos no seu día, este ano co  lema de "O Día da ilusión”, invitousenos a reflexionar sobre ela como motor da sociedade que nos empurra a superarnos, a perseguir as nosas metas, proxectos e soños. Para elo pedíusenos que desenvolvéramos un spot publicitario que mostrase por que é tan importante protexela e difundila. E os alumnos e alumnas da ESO puxeronse mans a obra. Aquí tedes de novo o traballo gañador. Non queremos deixar de felicitar aos rapaces e rapazas de 1º, 2º e 4º da ESO que aínda que non gañaron, fixeron uns  traballos impresionantes. Grazas a todos polo voso esforzo, entusiasmo, creatividade e conciencia.


viernes, 31 de enero de 2014

CELEBRAMOS O DÍA DA PAZ E A NON VIOLENCIA


Onte, 30 de xaneiro, achegámonos a unha nova edición do Día Escolar da Non violencia e a Paz (DENYP), na súa denominación completa e tal como a acuñou Llorenç Vidal, alá a mediados dos anos '60, en coincidencia co aniversario da morte violenta de Mahatma Gandhi, un 30 de Xaneiro de 1948.
Pero ademáis de celebrar o Día Escolar pola Paz cada 30 de Xaneiro, cousa que debemos facer, sería mellor  celebrar a paz todos os días e preguntármonos e interpelar ao alumnado sobre onde está a paz, e en que lugar debemos buscala. Porque non está, como adoitamos crer, fóra de nós, nos grandes líderes mundiais, nin tampouco nas pombas que soltamos, ou nos paneis que debuxamos, nas mans de cores que estampamos en muros e corredores... como ás veces cre o noso alumnado, senón que debemos aprender a escoitar a voz da nosa propia conciencia, dentro do noso corazón, desde aí é desde onde construímos a paz, cada día, connosco mesmo e cos demais. Tal e como o dicía maxistralmente o propio Mahatma Gandhi: "Os únicos demos que existen no mundo aniñan dentro do noso propio corazón".
E como non podía ser de outro modo, no noso cole celebramos esta data levando a cabo uhna serie de actividades:
Os alumnos e alumnas da ESO, da materia de relixión, realizaron un fermoso mural que preside a entrada  e que reflicte a Paz que todos debemos buscar e transmitir. Tamén os rapaces/as  de 1º ESO de Reli, visitaron aos alumnos e alumnas de educación infantil e primaria para falarlles deste día e da importancia da  paz, do dialogo, do respecto aos demais…  Ao final agasallaron a todos cunha das pegatinas que os alumno/as da ESO e de 6º de primaria crearon para esta data.
Os nenos de infantil e primaria tamén conmemoraron este día facendo debuxos, murais e reflexións sobre a paz.

Aquí tedes un video resumo deste día.

                              

AGRADECEMENTO DA COCIÑA ECONÓMICA



jueves, 9 de enero de 2014

DONACIÓN DOS DE 4º ESO A CÁRITAS

@s alumn@s de 4°da ESO do noso cole, sortearon unha cesta de Nadal donada polo Supermercado DIA. Ao non aparecer o gañador/a da cesta decidiron donala a Cáritas Aresanas, entidade que axuda aos  máis desfavorecid@s. Graciñas pola vola solidariedade!!!

domingo, 29 de diciembre de 2013

III CARREIRA QUILÓMETROS DE SOLIDARIEDADE ORGANIZADA POLOS DEPARTAMENTOS DE RELIXIÓN E EDUCACIÓN FÍSICA

Un ano máis e, vencendo as inclemencias do tempo, os rapaces e rapazas de secundaria do CPI Conde de Fenosa correron a III Carreira Quilómetros de Solidaridade baixo o lema: Xuntos por un obxectivo común, que todos os nenos e nenas teñan as mesmas oportunidades. A recadación que ascendeu a 314,50 € foi a parar esta vez a un proxecto educativo en Etiopía. 

Grazas a todos os rapaces e rapazas pola súa entrega e solidariedade, ás familias, aos profesores, ás empresas e comercios do Concello (DIA, Froiz, Floristería Real, Ramil Ganma, Clinica Veterinaria San Antonio), ao Concello de Ares (policía local, protección civil), aos alumnos do PCPI por axudar na organización de toda a carreira e por suposto a nosa atleta Paula Mayobre que un ano máis nos acompañou no evento.








                              

martes, 17 de diciembre de 2013

ÉXITO DA OPERACION QUILO DE NADAL


Hoxe os máis de 500 quilos de alimentos que recollimos no noso cole, foron entregados as institucións "Cociña Económica de Ferrol" e "Cáritas de Ares". Grazas de novo ás familias, ao alumnado e ao profesorado pola vosa solidariedade e colaboración nesta campañada Operación Quilo de Nadal.

                              



martes, 10 de diciembre de 2013

10 DE DECEMBRO "DÍA DOS DEREITOS HUMANOS"

Con esta foto tomada no corazón de Soweto (Sudáfrica) vos desexamos un feliz Día dos Dereitos Humanos e, ao mesmo tempo, dedicamos o noso adeus ao maestro MANDELA.

OS NENOS E NENAS DE INFANTIL "B" CON MAHÁN NO DÍA DOS DEREITOS HUMANOS

Hoxe  celébrase o Día dos Dereitos Humanos e que mellor data para que os pequerrechos de infantil B coñezan a historia do noso amigo Mahán que, como todos sabedes, non ten dereito á unha educación coma nós.
Esperamos que lles gustara o conto, así como a pegatina e a cadeira vermella que levaron de recordo para as súas aulas e que lembra a todos eses nenos e nenas que aínda non teñen dereito á educación.





domingo, 1 de diciembre de 2013

TRADICIÓNS



Queridos alumn@s de 1º da ESO,  debedes de  buscar información sobre estas tradicións relixiosas no mundo:

- O Nadal.
- O Ramadán.
- O Hanuka ou festa das luces.
- O Yom Kippur.

Ademais de achegar a información, debedes de buscar algunha imaxe que ilustre cada unha delas.
Como complemento a esta actividade, podedes investigar tradicións relixiosas que vos chamen a atención e dicir o por que. Ademais debedes de  describir unha ou dúas que estean presentes na vosa familia ou que se celebren na vosa vila.
O traballo o podedes entregar na clase ou envialo a o correo seguinte: enreliando@gmail.com

jueves, 28 de noviembre de 2013

VISITAMOS A ONG CÁRITAS EN ARES


Neste primeiro trimestre estivemos a traballar o papel que desempeñan as ONG´s na sociedade  e no mundo. Para completar o noso traballo, hoxe  os  alumnos e alumnas de 1º  ESO visitamos as instalacións de Cáritas sitas no baixo dá Biblioteca de Ares, lugar que cedeu amablemente o Concello para que esta institución poida atender as persoas que o necesitan.

Cando chegamos estábannos a esperar Concha e  Lorena  que son dúas das voluntarias que traballan desinteresadamente en Cáritas de Ares. Amablemente explicáronos como funciona esta institución: como xurdíu Cáritas, canto tempo levaba en funcionamento, cantos alimentos recollían ao mes, o perfil dos usuarios e unha morea de preguntas máis que os rapaces e rapazas  lles fixeron. Tamén amosáronnos as instalacións: o ropeiro con toda a roupa doada pola xente, os conxeladores onde gardan alimentos perecedeiros, a sala onde están- en diversas estanterías- os alimentos recollidos. Explicáronnos que ademais dos alimentos que recollen na sé de Cáritas, tamén contan coa colaboración de diversos supermercados e establecementos de Ares onde a xente pode depositar a súa doazón. 
“Aínda que estamos en tempos de crise, e todos a notamos, a xente de Ares é moi solidaria”, suliñou Concha, quen nos puxo o exemplo de  xente que nun determinado momento tivo que acodir a Cáritas e  hoxe en día, esa mesma xente, que se encontra nunha mellor posición, achégase pola institución para deixar alimentos e aportar o que pode dentro dás súas posibilidades.
 A verdade é que os alumnos/as quedaron impresionados e mostraron moito interese. Na nosa visita tamén aportamos un pequeno graíño de area levando uns cantos alimentos e unhas caixas de leite.
Grazas a Concha e a Lorena por recibirnos sempre tan ben e dicir que esta visita é previa á que faremos no nadal cando levemos a Cáritas e á Cociña Económica de Ferrol, os alimentos que recolleremos no noso centro dentro da “Operación Quilo” de Nadal.



"MAHÁN E A CADEIRA VERMELLA". UN CONTO POLO DEREITO Á EDUCACIÓN UNIVERSAL.

"A cadeira vermella" é a campaña que Entreculturas lanza para concienciar á poboación do dereito á educación de máis de 61 millóns de nenos en todo o mundo que están sen escolarizar. Un grupiño de alumos/as de 3º da ESO axudaron a presentar esta campaña reivindicando a escolarización universal para todos os nenos e nenas do mundo. 

Un mural (feito por Ana Martínez de 2º ESO), unha frase ben sinxela: “Polo dereito á educación de todos os nenos e nenas do mundo” e unha simple cadeira vermella recórdanos a importancia da educación e de que ese dereito se faga realidade para os 61 millóns de nenos e nenas que, a día de hoxe, están sen escolarizar en diferentes lugares do mundo e non teñen a sorte e o privilexio de asistir a unha escola e aprender.


Hoxe para celebrar o Día dos Dereitos da Infancia realizamos unha sesión de contacontos para o alumnado de 1º de Primaria. Os alumnos/as encargados de toda esta montaxe foron un grupiño de rapazas e rapaces de 3º da ESO do noso cole. 

O conto cuxo título é “Mahán e a cadeira vermella” está inspirado na campaña "A cadeira vermella”" lanzada pola ONG Entreculturas e foi creado polos nenos e nenas de 1º da Eso do CPI “Virxe da Cela” de Monfero. As nosas compañeiras de 3º Andrea, Begoña, Lucía e Ainhoa foron as encargadas de contar a historia de Mahán  aos nosos pequerrechos de 1º EP, así como facer unha pequena dinámica e un xogo para facelos recapacitar sobre á importancia da educación. 



As profes dos pequerrechos tamén demostraron as súas dotes interpretativas na dinámica que levamos a cabo.

Pero a sesión non rematou aquí. As nosas compañeiras Raquel e Eva crearon un conto titulado “A historia de Niara”. Esta historia ten a peculiaridade de que está sen rematar,  así que as profes levaron unha copia para que entre todos os nenos e nenas, escriban como lles gustaría que  rematase a historia de Niara. 


Por último, os pequerrechos levaron de agasallo unha pegatina feita por  Paola Toribio de 2º da ESO, que ilustra moi ben esta campaña, así como unha pequena cadeira vermella como símbolo dos 61 millóns de nenos e nenas que non poden ir á escola.


Parabéns a todos os alumnos/as que preparáchedes a sesión por demostrar esas capacidades creativas e deixar voar a vosa imaxinación, e aos pequerrechos de primaria por ser tan participativos e estar tan atentos.

Dicir que nas vindeiras semanas seguiremos coas sesións de contacontos  para que todos os cursos de infantil e primaria poidan gozar da historia de “Mahán e a cadeira vermella”.

                        
                        Mahán e a cadeira vermella from Yolanda Castro López

sábado, 9 de noviembre de 2013

DE QUEN SE TRATA?



Voltamos de novo co noso concurso "De quen se trata?".  Esta vez tedes que adiviñar o  nome dunha persoa comprometida cos dereitos humanos e que no seo da igrexa defendeu a "opción preferencial polos pobres".

Pistas:
  • Loitou sobre todo polos dereitos dos campesiños, dos obreiros e de todas as persoas que recurrían a el no contexto da violencia e a represión militar que vivía o seu país.
  • Unha das súas frases que resume o seu pensamento é: “A verdade fainos libres e a mentira convértenos en escravos”. 
  • Morreu asasinado.
 Se descubrides quen é, debedes mandar ao correo do blogue: enreliando@gmail.com, o nome do personaxe así como unha pequena síntese da súa biografía na que apareza tamén unha imaxe del.

O alumno/a que antes envíe o correo coa resposta correctamente redactada e elaborada, recibirá un agasallo. Haberá un pequeno obsequio para todos os participantes que aínda que non chegaran de primeiros, deran co noso personaxe misterioso.

20 DE NOVEMBRO, DÍA DOS DEREITOS DA INFANCIA

A tres semanas da celebración da importante data  do "Día dos dereitos da infancia", penduramos no blogue os seguintes materiais didácticos aportados pola ONG Entreculturas. Os profes e titores podemos ir así familiarizándonos con conceptos e ideas, que nos poden levar á realización de actividades para esta conmemoración tan destacada. Coñeceremos as iniciativas que se están levando a cabo tanto en España como no Chad, e esperamos as vosas ideas para lanzar desde o CPI Conde de Fenosa.


martes, 5 de noviembre de 2013

PROXECTO ONG´S

O alumnado da ESO do noso centro estivo a traballar sobre o papel que xogan as ONG´s no desenvolvemento humano dos pobos. A partir da información que foron recompilando elaboraron este dosier no que se incluen algunhas das ONGD máis importantes e as actuaciones que están a realizar, encamiñadas ao desenvolvemento de colectivos excluidos ou en risco de exclusión, así como a países ou comunidades necesitados de axuda e ao  desenvolvemento humano e sostible do noso planeta.

Aquí vos deixamos o dosier. Picade enriba del para velo en grande.



miércoles, 16 de octubre de 2013

CONCURSO: DE QUEN SE TRATA?




PISTAS:
1.- O seu autor naceu a principios do século XX en Buenos Aires.
2.- Este cadro pintouno  en 1975
3.- Morreu na Coruña en 1979 


PREMIO: 
O alumno/a que antes envíe, a través dun comentario ao noso enderezo electrónico,unha pequena reseña na que apareza:

  • Nome do autor e unha pequena síntesis da súa biográfica.
  • Nome da obra e unha pequena descrición da mesma.
     O Departamento de Reli obsequiarano cun agasallo.

lunes, 16 de septiembre de 2013

BENVID@S A UN NOVO CURSO

Comeza o novo Curso Escolar 2013-2014. Desde Enreliando  dámosvos a benvida a todos e todas.
Seguramente moitos viredes con novas ideas e propósitos para esta nova andaina. Tamén con novas forzas despois do verán. Esperamos que o comezo sexa bo para tod@s e que todas esas novas ideas e propósitos teñan cabida ao longo do curso.
 Por iso, a todos, pais e nais, profesores e profesoras e, en especial, a todo o noso alumnado, FELIZ CURSO!!!.